As persoas usuarias que viaxen desde Muíños, tamén poderán enlazar en Bande a primeira hora da mañá e regresar ao mediodía na liña Muíños-Bande
A Xunta amplía os servizos de Transporte Público entre Ourense, Celanova e Bande e facilita os enlaces co resto da Baixa Limia e Terras de Celanova.
Manuel Pardo informou que a liña Bande - Ourense aumentará o número de servizos dispoñibles todos os días da semana
O delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse esta mañá ao concello de Bande para anunciar, acompañado da alcaldesa, Sandra Quintas, que o Goberno galego ampliará a partir de mañá, 12 de xuño, o servizo de transporte interurbano na liña Bande – Ourense.
Ademais, axustaranse horarios e conexións noutras liñas para facilitar os transbordos e prestarlle mellor servizo ao resto da comarca da Baixa Limia e á de Terras de Celanova.
O delegado territorial salientou que estas melloras atenden as solicitudes e propostas feitas desde distintos ámbitos da sociedade ourensá e son resultado dunha análise e estudo do aumento da demanda entre estas comarcas e a cidade de Ourense.
A liña Bande - Ourense contará con novas frecuencias e adaptaranse os horarios existentes á demanda actual. De luns a venres non festivos crearanse dous novos servizos de media mañá e, para dar resposta ao incremento da demanda os venres pola tarde, dispoñerase dunha nova expedición en cada sentido. Estas melloras supoñen un incremento do 100% con respecto dos servizos actuais dos venres e do 50% de luns a xoves.
De igual modo, -explicou Manuel Pardo- a oferta da fin de semana tamén se actualizará para atender as demandas da cidadanía. Os sábados haberá dous servizos de ida e dous de volta entre Ourense e Bande e os domingos reforzarase ese eixo con tres servizos de ida e tres servizos de volta ao longo do día, o que supón un incremento do 50% con respecto dos actuais servizos dos domingos.
Nos días festivos, estas comarcas disporán dunha oferta que ata agora non existía, con dous servizos en cada sentido, tanto pola mañá como pola tarde. Para asegurar unha mellor cobertura territorial na comarca da Baixa Limia, a liña Entrimo – Bande permitirá enlazar con todos os servizos da conexión Bande – Ourense. Deste xeito, os concellos de Lobios, Lobeira e Entrimo non terán só un axuste horario, senón tamén unha mellora na oferta de servizos.
As persoas usuarias que viaxen desde Muíños, tamén poderán enlazar en Bande a primeira hora da mañá e regresar ao mediodía na liña Muíños-Bande.
Terras de Celanova
Na comarca de Terras de Celanova tamén se axustaron os horarios das liñas que enlazan co servizo Bande – Ourense. As persoas usuarias que viaxen nas liñas con saída en Parbón ou San Martiño poderán incorporarse á conexión Bande – Ourense na parada da Manchica polo menos unha vez ao día en cada sentido. Isto mellorará a oferta de servizos dos concellos da Merca e de Cartelle.
Pola súa banda, a liña Cortegada-Celanova permitirá a conexión de Ramirás, Gomesende e Cortegada en Celanova coa liña Bande – Ourense a primeira hora da mañá.
Servizos
Con esta mellora a Xunta de Galicia dá resposta á crecente demanda de transporte público na ruta entre Bande e Ourense, pero tamén garante que a cidadanía das comarcas da Baixa Limia e Terras de Celanova poida acceder a estes servizos grazas a uns horarios máis eficientes que faciliten os enlaces entre liñas diferentes.
Algúns destes servizos serán atendidos baixo demanda, polo que será necesario facer unha reserva previa a través da páxina web bus.gal ou no teléfono 988 687 800. Estas solicitudes téñense que facer como mínimo antes das 19,00 horas do día laborable anterior. Na mesma comunicación pódense reservar varias prazas ou mesmo múltiples viaxes para os 15 días seguintes.
Nestes servizos, a Xunta de Galicia aplica os descontos e bonificacións activos en todo o transporte público autonómico, polo que os menores de 21 anos poden realizar 60 viaxes ao mes de maneira gratuíta coa Tarxeta Xente Nova, e todas as persoas maiores de 65 anos con tarxeta TMG viaxan de balde grazas á Tarifa +65.
Toda a información dos servizos está dispoñible para a súa consulta na páxina web www.bus.gal e na aplicación móbil Transporte Público de Galicia.