O BNG valora positivamente a rectificación da Xunta de aumentar o número de liñas de transporte público da comarca de Celanova e Baixa Limia

O BNG valora positivamente a rectificación da Xunta de aumentar o número de liñas de transporte público da comarca de Celanova e Baixa Limia

Galicia Nova rexistrou mais de medio milleiro de firmas, en decembro de 2024, para solicitar unha mellora do transporte público entre a Baixa Limia, Celanova e Ourense

O grupo provincial do BNG na Deputación de Ourense amósase satisfeito porque a Xunta de Galiza comece, aínda que timidamente, a rectificar e adoptar medidas que van na dirección de mellorar a conectividade en transporte público entre as comarcas de Celanova e a Baixa Limia coa cidade de Ourense e coa comarca entre si. Un paso que, segundo sinalan desde o BNG, responde ás demandas que o nacionalismo vén formulando nos últimos meses tanto no ámbito institucional como na rúa.

Neste sentido, os nacionalistas lembran que en decembro de 2024 o grupo provincial do BNG presentou unha moción na Deputación de Ourense na que se alertaba da situación de illamento que sufrían estas comarcas, e se reclamaban medidas concretas e urxentes para garantir un servizo público de transporte digno, funcional e adaptado ás necesidades da veciñanza, tanto no que atinxe a horarios como a frecuencias e conexións.

Ademais da acción institucional, o BNG salienta o traballo desenvolvido desde a organización xuvenil Galiza Nova, que durante máis dun mes levou a cabo unha intensa campaña de recollida de sinaturas nos concellos afectados e trasladou directamente as súas demandas á Xunta de Galiza. A campaña contribuíu a visibilizar unha problemática que, durante anos, foi ignorada sinalan desde Galiza Nova.

“A situación que denunciamos tiña e ten un forte impacto na calidade de vida da veciñanza, que ve como acudir a unha cita médica, estudar ou traballar en Ourense é unha odisea sen alternativa real ao vehículo privado”, explican desde o BNG, e subliñan que a medida anunciada pola Xunta é positiva, pero insuficiente, xa que non aborda de maneira integral os problemas estruturais do sistema de transporte público interurbano nestas comarcas.

Por todo isto, desde o BNG comprométense a seguir traballando para que se atendan todas as demandas formuladas, tanto desde a institución provincial como polos movementos sociais e veciñais, coa vista posta nun modelo de mobilidade xusto, sustentable e pensado para as persoas, especialmente para a mocidade e a poboación maior, que máis sofre esta carencia de servizos públicos básicos.