"VOAR" logra o II premio literario Antón Tovar

Momento da entrega do galardón a Daniel Rivero
"VOAR" logra o II premio literario Antón Tovar

Daniel Rivero, o seu autor, é colaborador do noso xornal

O poeta limiao Daniel Rivero Meno recolleu este sábado, 14 de xuño, o II Premio Literario Antón Tovar, convocado polo Padroado do Museo da Limia, pola súa obra Voar. O acto de entrega celebrouse no patio do Museo Etnográfico da Limia, en Vilar de Santos, nun ambiente de celebración da palabra e da creación literaria.

O acto foi presentado por Delfín Caseiro, presidente do Padroado e coordinador da antoloxía poética de Antón Tovar publicada por Xerais en 2023, quen puxo en valor o legado do poeta da Pereira e o seu lugar na literatura galega contemporánea.

Durante o evento, deuse lectura pública á proposta oficial da Xunta Directiva do Padroado, que volve reclamar á Real Academia Galega a dedicación do Día das Letras Galegas 2026 ao poeta da Pereira. Neste sentido, o acto contou co apoio firme do Concello de Vilar de Santos á candidatura, reforzando a implicación institucional e cidadá nesta reivindicación.

06

Un dos momentos máis emotivos foi protagonizado polo alumnado do CEIP Carlos Cid Arregui de Rairiz de Veiga —Leo, Clara, Ainhoa, Laura, Marcos e Martín— quen deron lectura ao poema “Fixen un maio”, pertencente ao poemario Arredores (1962), de Antón Tovar.

02

A continuación, leuse a acta do xurado a cargo do secretario Xoán Jardón, e a presidenta do Padroado, Conchita Rúa, fixo entrega do premio ao autor galardoado. O xurado desta edición estivo composto por Conchita Rúa, Xela Casal, Manolo Janeiro e Xoán Jardón, quen salientaron a calidade estética, a emoción contida e o lirismo da obra premiada.

Desde o ano 2021, centenario do nacemento de Antón Tovar, o Museo da Limia promove diversas accións encamiñadas a difundir o seu legado e demandar o recoñecemento da súa figura por parte da cultura galega institucional. En 2022 foi entregado un completo expediente na sede da Real Academia Galega con centos de sinaturas cidadás e numerosos documentos de apoio.

03

O gañador coa súa familia

A celebración deste certame é unha chamada máis á sociedade galega para recoñecer a obra profunda, comprometida e literariamente excepcional de Antón Tovar, figura esencial da poesía galega do século XX.

04