O plan “Xinzo Paso a Paso” impulsa a peonalización do centro histórico

O plan “Xinzo Paso a Paso” impulsa a peonalización do centro histórico

O Concello instalará cámaras de control de tráfico para limitar o acceso de vehículos non autorizados e recuperar espazo para as persoas

O Concello de Xinzo de Limia comeza a implantar un novo plan de reorganización da mobilidade baixo o nome “Xinzo Paso a Paso”, co obxectivo de recuperar espazo para as persoas e avanzar cara á peonalización integral do centro histórico. A medida busca garantir unha vila máis amable, segura e accesible, priorizando a mobilidade sostible e o tránsito peonil fronte ao tráfico rodado.

A principal actuación será a instalación inminente de cámaras de control de tráfico en catro rúas da vila, tres delas na nova zona peonil: Santa Mariña, Lepanto, Jesús Carlos Romero Nieto e Otero Pedraio. Estes dispositivos, conectados cun sistema de xestión automatizado, rexistrarán as matrículas dos vehículos e emitirán sancións automáticas a aqueles que incumpran a normativa.

A restrición non será absoluta: poderán acceder residentes, servizos de urxencia e repartos no seu horario habilitado, de 07:00 a 10:30 h, para tarefas de carga e descarga. O concello habilitará un rexistro presencial para que as persoas autorizadas poidan dar de alta as súas matrículas, garantindo así a circulación legal por estas zonas restrinxidas.

Ademais, as novas cámaras contarán cun sistema de control de peso, que limitará o acceso exclusivamente a vehículos tipo turismo. Isto impedirá a entrada de camións e vehículos de gran tonelaxe, reducindo o impacto ambiental e físico no centro da vila.

Segundo explicou o concelleiro de Obras e Mobilidade, Ramón Gómez, o plan “Xinzo Paso a Paso” representa un cambio de filosofía: “Queremos recuperar a vila para as persoas. Esta medida non busca castigar a quen conduce, senón favorecer unha mobilidade racional, segura e adaptada á estrutura e identidade de Xinzo. Apostamos por unha vila máis humana e habitable coa peonalización do centro histórico sen instalar barreiras físicas”.

inspector xefe da Policía Local, José Estévez, indicou que “o sistema aplicará as sancións automaticamente e contará coa colaboración dunha empresa especializada. O control será continuo, e desde o Concello darase un prazo de adaptación para que os residentes regularicen o seu acceso. Tamén se garante o paso de vehículos de emerxencia, repartos e usuarios con autorización debidamente tramitada”.

Este novo plan súmase ás medidas de mobilidade xa executadas ou anunciadas recentemente, como a creación de aparcadoiros disuasorios en distintos puntos da vila —co último, no Barrio do Polígono, serán xa catro os espazos públicos dispoñibles— ou a implantación das zonas laranxas de estacionamento exprés, que permiten aparcar durante un máximo de 15 minutos en áreas de alta afluencia.

Este plan de mobilidade ponse en marcha de forma paralela ao comezo das obras de humanización da travesía da N-525, e está deseñado como unha estratexia a longo prazo para avanzar cara a un modelo de vila sostible, ben planificada e centrada nas persoas.