O Concello reorganiza o tráfico na Avenida de Celanova co retorno ao dobre sentido de circulación
Coincidindo co inicio das obras de humanización da N-525
Coincidindo co inicio das obras de humanización da N-525 ao seu paso por Xinzo de Limia, o Concello vén de anunciar unha medida de reordenación do tráfico nunha das principais vías da vila: a Avenida de Celanova recuperou o dobre sentido de circulación.
A decisión, avalada por informes técnicos da Policía Local, permitirá mellorar a fluidez do tráfico urbano e facilitar os desprazamentos, nun momento no que a mobilidade se verá afectada por unha actuación de gran envergadura no eixo principal da vila.
A nova configuración permitirá o tránsito en ambos sentidos, establecéndose a seguinte limitación: no sentido de entrada ao centro de Xinzo só poderán circular vehículos cunha tonelaxe inferior ás 3,5 toneladas.
O concelleiro de Obras e Mobilidade, Ramón Gómez, sinalou que “esta reorganización responde á necesidade de adaptar a circulación ao novo contexto das próximas obras, optimizando os accesos e reforzando a funcionalidade dunha arteria clave como é a Avenida de Celanova”.
O Concello continuará a aplicar medidas que melloren a mobilidade local, como a peonalización do casco antigo dentro do plan “Xinzo Paso a Paso", nun contexto de transformación urbana que busca facilitar a vida diaria e avanzar cara a un modelo de vila máis ordenado, eficiente e centrado nas persoas.