Sandiás coñece o valor da súa toponimia no Centro de Interpretación da Lagoa de Antela coa campaña "Toponímizate"
Sandiás foi o primeiro concello da Provincia de Ourense en recuperar o seu nome histórico na data do 30 de Xaneiro de 1972.
O concello de Sandiás na sede do Centro de Interpretación da Lagoa de Antela acolleu unha charla-obradoiro da campaña “Toponimízate” o pasado venres, 20 de xuño ás 20.00 h. Unha iniciativa da Real Academia Galega co apoio da Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia. A campaña chega ao Concello de Sandiás en forma de palestra para animar a toda a veciñanza da bisbarra a contribuíren coas súas achegas a preservar tan prezado patrimonio colectivo.
Grazas aos preto de 30 veciños que participaron na mesma aos que agradecemos a súa paciencia activa polas dúas horas e media que durou a charla-obradoiro. Fixo a presentación Pepe Gándara, afirmando que en relación cos macro-topónimos, Luis Otero Bobillo, Ben Cho Shey e a Comisión de Toponimia no seo da Agrupación Cultural Auriense foron decisivos no cambio do castelanizado “sandianes” ao galego “sandiás”. Sandiás foi o primeiro concello da Provincia de Ourense en recuperar o seu nome histórico na data do 30 de Xaneiro de 1972.
Impartiu a fermosa charla Vicente Feijóo, coordinador da unidade técnica de toponimia da Real Academia Galega e de Galicia Nomeada, que explicou de xeito moi didáctico o Nomenclator, os casos de topónimos deturpados ou polémicos; puxo o énfase na microtoponimia ou nomes das leiras, montes, penedos que forman parte da paisaxe vital das aldeas de Sandiás. Falounos da orixe dos nomes de propio Sandiás, Cerredelo, Lavandeira, Castro, Piñeira de Arcos, Couso de Limia, A Fontela, As Pegas, Arcos, Ladeira, A Fontela, Novaiño, Santana, Cardeita… e os casos máis difíciles e antigos: Coalloso e Zadagós.
Ensinounos os motivos polo que esmorecen os topónimos, a cantidade de usos prácticos que ten a toponimia e tamén como se emprega a aplicación Galicia Nomeada, que lle permite á cidadanía colaborar na recolla de nomes de leiras, fontes, camiños ou devesas que corren o risco de se perder. Esta plataforma leva recuperado máis de 78.000 microtopónimos galegos. “ Toponimízate ” tamén promove a participación da comunidade nun proxecto cultural común, interxeracional, en prol dun sentimento de identidade colectiva compartida e de continuidade.