A Deputación presenta o proxecto “Gerês-Xurés Máis Sustentável”, co obxectivo de potenciar o papel da cultura e do turismo sostible
A Deputación, dentro das actividades a desenvolver dentro do proxecto, xa puxo en marcha acción como as “Portas do Xurés" o” a xornada de arqueoloxía “Arqueoxurés: xacementos de falan”
O proxecto ¨Gerês-Xurés Máis Sustentável¨ que ten como principal obxectivo potenciar o papel da cultura e o turismo sostible no desenvolvemento económico, a inclusión social e a innovación social no territorio, e foi presentado hoxe no Centro Cultural Marcos Valcárcel coa presenza do presidente provincial, Luis Menor; do director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Merelles; do presidente da Comunidade de Intermunicipal do Alto Minho, e actual presidente da Câmara Municipal de Melgaço, Manoel Batista, e do representante de Turismo Porto e Norte, Paulo Carrança.
O proxecto ¨Gerês-Xurés Mais Sustentável¨ é, segundo explicou Luis Menor, “unha aposta por reforzar a cooperación transfronteiriza e construír unha visión compartida de desenvolvemento sostible na fronteira galego-portuguesa, promovendo a cultura e o turismo sostible como motor do desenvolvemento económico, a inclusión social e a innovación, dentro das prioridades de investimentos centradas en afrontar o reto demográfico dos territorios de fronteira”. Ademais, fixo un alegato en favor da cooperación transfronteiriza: “imos aproveitar esta oportunidade con máis sustentabilidade, máis unión e máis cooperación a ambos lados da Raia”.
O director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, lembrou o apoio da Xunta a esta iniciativa e puxo en valor a importancia de protexer os valores patrimoniais de ambos países, “non esquezamos que estamos ante un destino e dous países, cunha evolución turística moi similar”, dixo, cifrándoa nun 5%, recalcando que “a permeabilidade entre ambos territorios nos beneficia a ambos”.
Na mesma liña expresouse o presidente da Comunidade de Intermunicipal do Alto Minho, e actual presidente da Câmara Municipal de Melgaço, Manoel Batista, quen enmarcou “na análise das realidades do turismo que compartimos” unha das claves do desenvolvemento turístico sostible, “preservando a biodiversidade dos nosos territorios como instrumento para potenciar o tecido económico e social”.
Tamén da importancia da monitorización dos datos turísticos falou o representante de Turismo Porto e Norte, Paulo Carrança, quen lembrou proxectos europeos centrados na Reserva da Biosfera: “antes e agora, o gran obxectivo é valorizar o territorio, creando emprego e riqueza”.
Socios do proxecto
A Deputación de Ourense participa no proxecto ¨Gerês-Xurés Mais Sustentavel¨, cofinanciado ó 75% polo programa Interreg VI España-Portugal 2021-2027 (POCTEP) a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), que conta cun orzamento total de 1.017.217,03€, que ascende a 435.090,00€ no caso da Deputación, e no que participan as seguintes entidades e administracións públicas galegas e portuguesas: CIM do Alto Minho (Beneficiario Principal), Turismo do Porto e Norte de Portugal, Turismo de Galicia, Associaçao de Desenvolvimento das Regioes do Parque Nacional da Peneda Gerês (ADERE), Associaçao Regional de Desenvolvimento do Alto Lima (ARDAL), Municipio de Arcos de Valdevez, Municipio de Melgaço, Municipio de Montalegre, Municipio de Ponte da Barca, Municipio de Terras do Bouro.
Este proxecto une ás administracións públicas con competencias na xestión do territorio da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés (RBTGX), no seu aliñamento cos novos patróns de sustentabilidade, actuando sobre a recuperación e valorización do patrimonio material e inmaterial da RBTGX, mellorando os servizos de atención ós turistas e tornando máis eficiente a monitorización da sostibilidade do territorio, non esquecendo a capacitación dos residentes, sector privado e turistas para o turismo ecolóxico, para a economía circular e o emprendemento para as viaxes responsables.
Actividades complementarias
A Deputación de Ourense, dentro das actividades a desenvolver dentro do proxecto, xa puxo en marcha varias actividades, coincidindo co comezo do verán. Como por exemplo, a apertura das Portas do Xurés, os seis centros de interpretación do territorio situados nos concellos de Bande, Calvos de Randín, Entrimo, Lobeira, Lobios e Muíños, e a realización de actividades de dinamización das mesmas (excursións de escolares ás Portas do Xurés, realización de vídeos das Portas do Xurés, etc.) que se están a desenvolver neste intre, contrato que foi adxudicado á asociación Sustinea, que será a encargada da apertura das Portas durante os anos 2025 e 2026.
Así mesmo, estase a traballar na parte galega da RBTGX na realización de traballos de recuperación, preservación e valorización do patrimonio cultural inmaterial (de cariz etnográfico) asociados ó entroido, contrato adxudicado á empresa, Noso. Plans e Proxectos, S.C.G., que terá como fin principal a realización dun libro baixo o titulo de ¨O Entroido na RBTGX: un patrimonio a preservar¨ .
O pasado 7 de xuño desenvolveuse a xornada ¨Arqueoxurés: xacementos que falan, unha viaxe ó pasado¨ no balneario de Riocaldo (Lobios), unha xornada que tivo como obxectivo dar a coñecer e visibilizar o rico patrimonio cultural e arqueolóxico da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés. Durante esa xornada presentáronse boas prácticas, así como algúns dos últimos traballos arqueolóxicos desenvoltos no Gerês-Xurés, propostas de valorización do territorio, etc., reforzando desta maneira o papel do turismo cultural e científico como eixo estratéxico para o desenvolvemento da Reserva.