O Grupo Socialista esixe que a Deputación se implique na adopción de solucións urxentes contra a contaminación crónica do encoro das Conchas
A deputada provincial socialista esixe que a Xunta declare a Limia como zona vulnerable por nitratos e unha moratoria para a apertura de novas explotacións gandeiras intensivas.
O Grupo Provincial Socialista na Deputación desprazouse ata o encoro das Conchas para presentar unha moción que esixe "solucións urxentes fronte á contaminación crónica" que padece este espazo natural desde hai máis dunha década. A iniciativa, que se debaterá no vindeiro pleno, denuncia a "vulneración dos dereitos fundamentais da veciñanza" e reclama da corporación provincial un rol proactivo na coordinación dunha "resposta contundente" perante unha crise que acadou "dimensións intolerables".
En compaña de veciñas e veciños afectados, amais doutros compañeiros do Grupo Socialista na Deputación, a deputada provincial Elvira Lama explicou que "estamos aquí nas Conchas para poñer o foco nunha problemática que afecta a este encoro, que non deixa de saír nos medios de comunicación e que non é de onte nin de antonte, senón que ven de décadas atrás". Segundo Lama, "isto é tan só a punta do iceberg dunha problemática que afecta a absolutamente todos os concellos da conca do río Limia".
A contaminación do encoro, que afecta nomeadamente aos municipios de Lobeira, Bande, Lobios, Muíños e Entrimo, produciu a primeira explosión masiva de cianobacterias en 2011, cubrindo a superficie cunha película verde tóxica. Desde entón, a veciñanza convive cada verán cunha situación que imposibilita a vida normal na zona durante os meses de calor, cando as altas temperaturas agravan a proliferación de microorganismos tóxicos.
Segundo un informe do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), o encoro presenta até 97 millóns de bacterias "moi perigosas" por litro de auga, unha concentración de cianotoxina que triplica o valor admitido pola Organización Mundial da Saúde para augas de baño. As análises revelan tamén a presenza de bacterias resistentes aos antibióticos e niveis extremadamente elevados de nitratos, que supoñen un factor de risco para distintos tipos de cancro. "Trátase dunhas augas altamente contaminadas e un problema gravísimo de saúde pública como denuncian as asociacións e os veciños, que están moi preocupados!", subliñou Elvira Lama.
Propostas para un plan de acción urxente
A moción socialista esixe que a Deputación de Ourense se solidarice coa demanda xudicial presentada polos veciños, que se resolverá no vindeiro mes de xullo. "Solicitamos á Deputación que se poña do lado da veciñanza das Conchas nas súas demandas polo seu dereito a unha saúde pública, un dereito fundamental que está agora mesmo en mans do Tribunal Superior de Xustiza", explicou Lama.
A iniciativa propón que a corporación poña ao dispor dos concellos afectados "apoio técnico, xurídico e financeiro para establecer sistemas alternativos de abastecemento de auga potable, implementar medidas de protección sanitaria e desenvolver estudos epidemiolóxicos sobre o impacto da contaminación na saúde pública". Tamén propón abrir "unha liña de axudas para compensar os prexuízos da contaminación e apoiar iniciativas de desenvolvemento sustentable como alternativa ao modelo de gandería intensiva".
Os socialistas tamén piden que a Xunta declare a comarca “zona vulnerable por nitratos” e que “poña en marcha unha planta de tratamento de xurros, tal e como prometeu". Os estudos apuntan ás "excesivas aportacións de nitróxeno e fósforo" da gandería estabulada como causa principal da eutrofización do encoro. "A comarca da Limia non aguanta máis explotacións", denunciou Lama, quen criticou que a Xunta teña outorgado autorizacións "de forma permisiva, malia coñecer o impacto que a gandería industrial exerce sobre a comarca".
Xa por último, a moción tamén interpela ao Estado, reclamando do Ministerio de Transición Ecolóxica a posta en marcha dun plan de descontaminación, que contemple un orzamento específico, un cronograma e medidas de control rigoroso sobre vertidos de xurros e residuos agrogandeiros.