O Concello de Xinzo activa o control automatizado de accesos na vía de servizo da Avenida de Celanova e reorganiza o tráfico co dobre sentido de circulación

O Concello de Xinzo activa o control automatizado de accesos na vía de servizo da Avenida de Celanova e reorganiza o tráfico co dobre sentido de circulación

A partir deste sábado 28 de xuño, entrará en funcionamento o sistema de videovixilancia con control automatizado de accesos na vía de servizo da mesma avenida

O Concello de Xinzo de Limia continúa a aplicar medidas encamiñadas a mellorar a mobilidade urbana coincidindo co inicio das obras de humanización na travesía principal da vila. Unha das actuacións máis destacadas é a reorganización da circulación na Avenida de Celanova, que desde hai unha semana funciona xa con dobre sentido de circulación.

O obxectivo desta medida é reforzar os accesos alternativos ao centro e facilitar a fluidez do tráfico, tanto en sentido de entrada como de saída da vila, durante os traballos que se executarán na N-525 a partires do día 1 de xullo, segundo as últimas informacións que constan ao respecto. Cómpre destacar que no sentido de entrada a Xinzo, a circulación está limitada a vehículos cunha tonelaxe inferior a 3,5 toneladas.

Ademais, o Concello anuncia que a partir deste sábado 28 de xuño, entrará en funcionamento o sistema de videovixilancia con control automatizado de accesos na vía de servizo da mesma avenida, tal e como estaba previsto no plan de mobilidade local.

Este sistema permitirá detectar o paso de vehículos non autorizados, aplicando sancións automáticas a través das cámaras de control. A medida afecta exclusivamente aos tramos regulados da vía de servizo, nos que só estarán autorizados a circular:

  • - Persoas residentes da propia rúa
  • - Persoas que traballen en locais ou oficinas situadas na zona
  • - Clientes que acudan aos negocios da rúa para facer compras ou recibir algún servizo

Para evitar sancións, todas as persoas pertencentes aos dous primeiros colectivos deben solicitar a autorización da súa matrícula na Policía Local, acreditando a súa condición. A clientela dos establecementos terá que anotar as súas matrículas nos propios negocios ao momento de acudir.

Estas medidas forman parte do novo plan de mobilidade impulsado pola Concellería de Obras e Mobilidade, que persegue como fin principal a reorganización racional do tráfico e a recuperación de espazo para as persoas. O plan inclúe tamén a posta en marcha do proxecto “Xinzo Paso a Paso”, coa implantación de cámaras de control no centro histórico e a peonalización do mesmo.

Desde o Concello faise un chamamento á colaboración veciñal e empresarial para garantir o bo funcionamento do novo plan, que contribuirá a mellorar a seguridade viaria e a calidade urbana.