Volven os vermús do BNG.
Este verán, o BNG de Xinzo volve saír de Vermús coa veciñanza.
As aldeas de Xinzo de Limia recibirán, outro ano máis, a visita do equipo do Bloque co seu voceiro, Camilo Vila, á cabeza. O obxextivo destas visitas é o de escoitar á xente e continuar apoiando á veciñanza na defensa dos seus dereitos e na loita contra a perda de servizos que ameaza ó rural.
Camilo Vila explica que “é unha oportunidade tamén para facer repaso do noso traballo na oposición, do que estou moi orgulloso porque temos demostrado o que somos: un equipo formado, educado e traballador”. Os dous concelleiros do BNG en Xinzo, nos dous anos do actual mandato, xa levan presentadas 14 mocións, sendo apoiadas a metade por unanimidade, e máis de 100 preguntas plenarias, na súa maioría a petición da propia veciñanza.
Pola súa banda, Manuel Pozo, o vicevoceiro municipal, concibe os vermús como “unha ocasión de estar coa xente, de escoitala… Xa vai consumida a metade do mandato e queremos saber que pensan, que precisan os nosos veciños e veciñas.”
As primeiras paradas dos Vermús serán Moreiras e Laroá o próximo domingo, día 6, ás 11 e 13h respectivamente, e continuarán ó longo do que resta do ano segundo as necesidades dos pobos.
“O BNG adquirira o compromiso de manter a presencia nos pobos máis alá dos periodos electorais.” destaca Mirian Opazo, responsable da organización en Xinzo e membro do Consello Nacional do BNG, “non queremos aparecer unha vez cada catro anos para pedir o voto, ese non é o noso estilo”.