Gasosas da Limia. Tributo á bebida de todos e todas.

Gasosas da Limia. Tributo á bebida de todos e todas.

O Museo da Limia acolle un acto público polo 80 Aniversario da Fundación de Gasosas de Berardo Méndez (Sandiás)

O vindeiro sábado, 5 de xullo ás 11:45 h, o Museo da Limia (Vilar de Santos) acolle o acto titulado “Gasosas da Limia. Tributo á bebida de todos/as”, con motivo do 80 aniversario da fundación da fábrica de gasosas Berardo Méndez, de Sandiás (1945–2025).

A actividade incluirá unha Conversa na taberna, coa participación de Xavier Feijóo (neto de Berardo Méndez), Miro M. Cerredelo (historiador), Manolo Cerredelo (distribuidor de bebidas) e Jorge Pulido (coleccionista de botellas de gasosas), onde se falará sobre a importancia social, económica e cultural destas pequenas industrias no rural galego de mediados do século XX e, máis concretamente na comarca da Limia.

Durante o acto, co obxectivo de conservar e divulgar este valioso patrimonio industrial e familiar, persoas e coleccionistas (Xavier Feijóo, Jorge Pulido, Celso do Novaíño e outros), vinculados ao mundo desta bebida, doaranlle ao Museo da Limia obxectos relacionados coa fabricación artesanal de gasosas; máis concretamente, Xavier Feijóo realizará a doazón dunha máquina saturadora Barnett and Foster.

A Taberna da Trocha (Xinzo de Limia), que colabora na organizacióndo evento, convidará durante o acto a viño e gasosa, lembrando os costumes populares da época.