Eladio Santos subliña o compromiso do Goberno con Vilar de Barrio, con investimentos en infraestruturas e reto demográfico
Abordou co alcalde a iniciativa ‘Vilar de Barrio, innovación turística e económica’, que obtivo 180.000 euros de axuda do Goberno para fixar poboación no rural
O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, subliñou esta mañá o compromiso do Goberno de España con Vilar de Barrio, con investimentos en infraestruturas e reto demográfico, entre outros. Fíxoo durante unha visita institucional ao Concello, onde se reuniu co alcalde, Manuel Conde.
Entre os temas abordados, Santos celebrou a recente formalización do contrato do proxecto da fase 2 de renovación das infraestruturas de saneamento e depuración do núcleo de Arnuide, adxudicado por 313.397 euros. Consiste na definición das obras de construción de dous pequenas depuradoras. O importe total do proxecto, con todas as fases, ascende a máis de 900.000 euros. “Este esforzo económico é exemplo da defensa do medio ambiente, porque a depuración das augas é fundamental para a saúde das persoas e da natureza”,subliñou o subdelegado.
Por outra banda, lembrou que Vilar de Barrio é un dos concellos subvencionados pola convocatoria de axudas do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico para a transformación territorial. A iniciativa presentada obtivo 180.000 euros e chámase ‘Vilar de Barrio, innovación turística e económica’. Entre as propostas, o Concello contratará dous técnicos e fará unha zona navegable no río con 14 piraguas.
Ao respecto, o subdelegado explicou que o obxectivo destas axudas, xestionadas pola Secretaría Xeral para o Reto Demográfico, e dirixidas a municipios de contornas rurais, é favorecer a implantación de proxectos innovadores que contribúan a alcanzar a equidade territorial. “O Goberno amosa, unha vez máis, o seu compromiso coa loita contra o despoboamento dando impulso á sustentabilidade, á dixitalización e á retención do talento”, sostivo.
Aula Mentor
Tamén abordaron o convenio entre o Concello de Vilar de Barrio e o Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes para o desenvolvemento do programa de formación aberta denominado Aula Mentor. Eladio Santos indicou que esta iniciativa está dirixida a persoas adultas con obxecto de mellorar as competencias persoais e profesionais. “Este programa é unha gran oportunidade para os habitantes dunha provincia como a nosa con poboación dispersa, pois permite o acceso á formación de persoas que viven en zonas illadas para que poidan medrar no eido laboral”, dixo.
Plan Corresponsables
Ademais, o Concello obtivo 14.784 euros do Plan Corresponsables do Ministerio de Igualdade para desenvolver a iniciativa Vilar de Barrio Concilia 2025, co obxectivo de facilitar a conciliación laboral e familiar de 80 familias. “Grazas a este programa do Goberno de España, impúlsase o coidado profesional e a igualdade entre homes e mulleres, mentres os nenos e nenas desfrutan de distintas actividades”, indicou o subdelegado, durante unha visita ao campamento de verán.
Eladio Santos citou outras subvencións do Goberno concedidas a Vilar de Barrio como a de eficiencia enerxética, coa que se está remodelando o edificio do Concello, por 140.000 euros. Ademais, recoñeceu o esforzo do alcalde de Vilar de Barrio, que “está pendente das axudas e as aproveita para mellorar a vida da xente, con proxectos transformadores”.