80 Aniversario da Fabrica de Gasosas de Berardo Méndez de Sandiás (1945-2025)

80 Aniversario da Fabrica de Gasosas de Berardo Méndez de Sandiás (1945-2025)

Maña sábado ás 11:45 no Museo da Limia o 80 Aniversario da Fundación de Gasosas Berardo Méndez (Sandiás) 

Xavier Feijoo Méndez

As primeiras bebidas carbonatadas aparecen no 1832, pero a industria dos sifóns e gasosas arranca a principios do século XX cando se comeza a embotellar. Na súa elaboración hai que disolver na auga dióxido de carbono, o responsable das burbullas.

Para iso usábanse máquinas saturadoras, que cun compresor conseguían saturar a auga de gas carbónico. A gasosa foi un éxito total desde o seu inicio, poucas bebidas foron tan populares como ela, nun mundo no que como a nosa comarca, pouco máis había para beber que auga e viño. Tamén contribuíu o seu éxito que era un produto barato e, por riba, maridaba ben cuns viños de alta gradación, como por exemplo os de Monterrei, e dunha calidade que no seu momento deixaba moito que desexar. Así mesmo, a pouca calidade das augas naquel tempo fixo que a gasosa venderase como un refresco saudable e nutritivo, xa que nun principio só levaba azucre que contiña valores nutricionais como afirmaban daquela.

Captura de pantalla (32)


Entre os anos 50 e os primeiros 70 do século XX foron os anos de máximo auxe das fábricas de gasosas. Dicíase daquela que non había poboación que non tivera algo de importancia se non tiña unha fábrica de gasosas. Na España dos anos 50 habería máis de 5.000 fábricas de gasosas. Nun rexistro do ano 1962, existían aproximadamente unhas 400 en Galicia, delas 97 na provincia de Ourense.


As razóns deste número poderían ser que a posta en marcha dunha fábrica de gasosas non era moi esixente, só necesitabas unha fonte de auga, azucre (moi empregado antes da Guerra Civil) ou sacarina (empregado despois da Guerra Civil pola escaseza de azucre) e unha máquina saturadora para mesturar a auga e o dióxido de carbono (gas CO2) para facer a gasosa. Así mesmo, nos anos que se fundaron estas fábricas, non había competencia das grandes distribuidoras das multinacionais de refrescos, as cales chegaron moito máis tarde (En Galicia, un exemplo desta realidade é que a fábrica e a distribuidora de Coca-Cola na Coruña, Begano, S.A. púxose en marcha no ano 1961). Tamén influían as malas comunicacións, poucas estradas en bo estado e moitos camiños sen asfaltar, coa conseguinte dificultade de chegar ás poboacións fai que este negocio fora copado por pequenas empresas familiares que desenvolvían o seu negocio de produción local, de forma case artesanal, cun sistema de reparto que chegaba e daba servizo, no mellor dos casos, a algúns concellos veciños preto da fábrica.

Unha desas fábricas foi a do meu avó, Berardo Méndez Fernández, que foi fundada o 28 de xaneiro de 1945 en Sandiás, tal e como figura no Rexistro de Liquidacións de Altas de Industria da provincia de Ourense. Aínda que no rexistro da Delegación do Ministerio de Industria aparece como dada de alta antes do Decreto de 20 de agosto de 1938, pero o estoupido da Guerra Civil (1936-1939) e as súas tráxicas consecuencias retrasaría a posta en marcha desta fábrica.

A posta en marcha da fábrica de gasosas de Sandiás coincidiu coa autarquía (1939- 1959), o período de illamento de España do comercio internacional e o conseguinte autoabastemento e escaseza de produtos, que afectou á maioría das industrias locais bastantes anos despois do seu fin. Lembremos que a cartilla de racionamento estivo en vigor en España ata o ano 1952.Captura de pantalla (33)

Nun principio ademais das gasosas, tiña venda de viño, que traia da zona de Monterrei. Máis tarde, dedicaríase tamén á distribución de bebidas. A súa área de reparto eran principalmente os concellos de Sandiás, Xinzo de Limia (sobre todo a vila de Xinzo), Vilar de Santos e Rairiz de Veiga. E no concello de Bande, A Feira Nova (A Ponte Liñares). Ademais tamén servía bebidas nas feiras e nas festas de moitas das parroquias da Limia. Dende os primeiros anos tiña dous vehículos para o reparto, unha camioneta Delahaye e un camión Renault, ós que íaselle cambiando as pezas e incluso o motor para prolongarlle a vida útil. Máis tarde, nos anos 60, comprouse un camión novo, un Ebro C-502, para substituír ó vehículo en peor estado.

Nos anos 50 esta fábrica contaba coa seguinte maquinaria, de acordo coa documentación existente na Delegación Provincial do Ministerio de Industria:

- Dúas saturadoras.

- Unha enchedora taponadora de gasosas tipo coroa ou chapa.

- Unha enchedora de sifóns.

- Un gasómetro (Depósito para almacenar e distribuír gas a unha presión constante).

- Un motor eléctrico de 2 CV e transmisións.

- Envases e elementos auxiliares (instalacións de enxaugado e lavado exterior dos envases, dosificador de xaropes, etc.)

A finais dos 50 ou principios dos 60, deseñouse unha botella cun motivo moi ourensán: a roda de afiar. Tal e como me comentou o meu tío, Manuel Méndez, fixo el mesmo un borrador do deseño aproveitando que estaba estudando. Nos anos 60 modernizouse a fábrica coa adquisición dunha maquina de enchedura rotativa de 6 billas, así como unha lavadora de envases.

A principios dos anos 70 vendéuselle ós irmáns Fernández Jardón, orixinarios do Barrio (Vilar de Santos), que lle puxeron de nome comercial ¨La Sandianesa¨. Máis adiante, quedouse con ela, un dos tres irmáns, José Fernández, ata o seu peche.

Captura de pantalla (31)

Hoxe só quedan lembranzas nostálxicas das moitas fabricas de gasosas que existiron en España, en Galicia e na provincia de Ourense. Estas fábricas foron unha pequena revolución tecnolóxica no noso rural e mostran as grandes transformacións acontecidas a través de gran parte do século XX, partindo dun modelo de industria moi básico, case artesanal, que foise tecnificando e modernizando, sobre todo a partir de finais dos anos 50 e dos 60, para rematar desaparecendo na súa case totalidade a finais do século XX.

Imagen de WhatsApp 2025 06 30 a las 13.14.25 30cd09a1