A Deputación avanza na instalación, a través de AquaOurense, de preto de 20.000 contadores intelixentes nunha vintena de concellos

A Deputación avanza na instalación, a través de AquaOurense, de preto de 20.000 contadores intelixentes nunha vintena de concellos

O proxecto “Ou-intelixente” rematou a colocación de equipos en O Bolo, Vilardevós, Larouco, Riós, Trasmiras, Entrimo e Castrelo do Val e acada a metade das actuacións previstas no resto de municipios

A Deputación Ourense lidera a revolución da auga intelixente en España con grandes avances no proxecto “OU-intelixente”, que permite aumentar a eficiencia dos servizos hidráulicos na provincia coa dixitalización dos mesmos. O programa, liderado pola Deputación, a través da empresa mixta AquaOurense (formada pola propia institución provincial e Viaqua), ten en marcha a instalación de máis de 63.000 contadores intelixentes en 74 concellos da provincia e conta cun investimento superior aos 7,5 millóns de euros. O equipo de traballo actual acadou preto de 20.000 contadores instalados ao peche do primeiro semestre de 2025. O obxectivo é modernizar, dixitalizar e facer máis eficiente a xestión da auga na provincia.

Deste xeito, culmináronse o 100% das actuacións previstas nos concellos de O Bolo, Vilardevós, Larouco, Riós, Trasmiras, Entrimo e Castrelo do Val  e avanzouse a bo ritmo nos municipios de A Gudiña, Cualedro, A Mezquita, Vilamartín de Valdeorras, O Barco, Oímbra, A Rúa, Laza, Sarreaus, Monterrei, Sandiás, Vilar de Barrio, Vilar de Santos, Rairiz da Veiga, Muíños e Lobeira (23 concellos en total).

Nalgúns concellos, os traballos están a piques de rematar. Na gran maioría, xa se completou, a lo menos, a metade das actuacións previstas. Neste sentido, os técnicos de AquaOurense percorreron dende 2022 centos de kilómetros á semana para preparar, instalar e analizar ata 818 actuacións previstas no PERTE OU-Intelixente.

Ademais, logrouse levar a cabo o 90% das contratacións dos subministros e servizos asociados ao proxecto, coa previsión de culminar a execución durante o primeiro semestre de 2026.

No marco desta renovación masiva do parque de contadores da provincia, un dos obxectivos é liberar ás familias e aos pequenos municipios dun gasto que, en condicións normais, podería superar os 120 euros por vivenda. Deste xeito, a instalación será sen coste para a veciñanza.

“Este cambio non só moderniza o sistema, tamén representa un aforro directo para os cidadáns, especialmente en zonas rurais onde os orzamentos municipais son moi axustados”, explica o presidente provincial, Luis Menor.

Por outra banda, Javier Bobe, director da área de Medio Ambiente da Deputación, engade que o obxectivo é que os 79 concellos adheridos ao proxecto OU-intelixente “non só podan beneficiarse da instalación dos contadores, senón que tamén conten coa dixitalización dos sistemas de abastecemento e depuración”.

“Alí onde se instalou un novo contador de auga con telelectura, o concello e os operadores poderán controlar o consumo diario ou detectar fugas ou usos anómalos”, indican dende AquaOurense. Trátase, di Víctor Comesaña, director  de AquaOurense, de “impulsar solucións innovadoras, formar ao persoal técnico e fomentar novas iniciativas, co obxectivo claro de loitar contra o cambio climático e frenar a despoboación rural”.

Proposta destacada en toda España

"OU-intelixente" foi a segunda mellor proposta de España e a primeira de Galicia para dixitalizar a xestión do ciclo da auga na convocatoria dos Fondos Next Generation asociada ao PERTE de dixitalización da auga do Ministerio para a Transición Ecolóxica do Reto Demográfico (MITECO). Este logro supón contar con 7,75 millóns de euros para aplicar as últimas tecnoloxías ao tratamento e control dun recurso básico e estratéxico como é a auga, asumindo a Deputación o 42,52% do financiamento total (5,73 millóns de euros).

Entre os obxectivos concretos do proxecto tamén se inclúe a creación dun centro dixital para a xestión integral da operativa da auga; a implantación dun hub tecnolóxico onde integrar datos e realizar predicións grazas ao Big Data e Intelixencia Artificial, converténdoo nun lugar aberto á cidadanía e un espazo de co-creación co ecosistema emprendedor da provincia.