Xinzo de Limia e CESUGA abren unha nova etapa de colaboración con proxectos innovadores para o futuro da comarca
O obxectivo é xerar valor real para a cidadanía e abrir novos camiños para o desenvolvemento da comarca, unindo creatividade, formación de excelencia e impacto social.
O Concello de Xinzo de Limia e o centro universitario CESUGA veñen de dar un paso firme cara a unha alianza institucional e académica que permitirá desenvolver proxectos de impacto positivo para o territorio. Unha colaboración que naceu hai uns meses no contexto dos Premios Semente e que se consolidou na reunión mantida o pasado venres en A Coruña entre o alcalde de Xinzo, Amador Díaz, e o presidente de CESUGA e efbs, Venancio Salcines.
O encontro serviu para establecer as bases dun modelo de traballo conxunto no que docentes, estudantes e institucións públicas cooperarán na activación de propostas innovadoras ligadas á arquitectura, o urbanismo, a sustentabilidade e a mellora dos espazos públicos. O obxectivo é xerar valor real para a cidadanía e abrir novos camiños para o desenvolvemento da comarca, unindo creatividade, formación de excelencia e impacto social.
Desde CESUGA trasladouse o compromiso de pór os recursos da entidade ao servizo de iniciativas que contribúan ao fortalecemento do talento local, á mellora da calidade de vida e á consolidación dunha sociedade máis cohesionada e sostible. Pola súa parte, desde o Concello de Xinzo valórase moi positivamente esta nova relación institucional, que permitirá achegar á vila propostas académicas con aplicación práctica no territorio.
A futura colaboración tamén se vinculará ao programa Retorna Cualifica Emprego, co obxectivo de atraer talento galego formado no exterior e crear oportunidades laborais e sociais que reforcen o tecido local e contribúan ao crecemento demográfico da zona.
Esta alianza supón unha oportunidade única para que Xinzo de Limia se converta en referente de innovación territorial, nun momento clave para o futuro da Limia.