Eladio Santos anima aos mozos e mozas da provincia de Ourense nacidos no 2007 a facer uso do Bono Cultural Xove do Goberno de España
O Bono Cultural Xove ofrece 400 euros ás persoas que cumpran 18 anos este 2025 para consumir produtos, servizos e actividades culturais
O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, animou hoxe aos mozos e mozas da provincia de Ourense que cumpren 18 anos en 2025 a beneficiarse do Bono Cultural Xove do Ministerio de Cultura. Fíxoo esta mañá nunha visita a un dos establecementos adheridos ao programa, a Librería Eixo.
Eladio Santos reafirmou a aposta do Goberno de España polo acceso á cultura. “Este bono, que vai pola súa cuarta edición, ten un dobre obxectivo: por unha banda, espertar o interese e a participación activa da mocidade na vida cultural, e por outra, apoiar ao tecido cultural, que tanto demostrou o seu valor nestes anos”, destacou.
Ao respecto, explicou que este ano poderán acollerse ao programa en torno a 2.000 mozos e mozas da provincia de Ourense. O Bono Cultural Xove consiste nunha tarxeta prepago de 400 euros para gastar en diferentes bens e actividades culturais, como libros, cine, teatro, música, videoxogos ou contidos dixitais, entre outros. En toda España poden beneficiarse este ano 534.526 mozos e mozas.
Para solicitar o bono, detallou Santos, só hai que rexistrarse na páxina web bonoculturaljoven.gob.es antes do 31 de outubro. Para facelo, cómpre dispoñer dun medio de identificación dixital: Certificado Dixital ou a Cl@ve. “É un trámite sinxelo, pero é importante facelo dentro do prazo para non quedar fóra”, indicou. Durante un ano desde a data de concesión poderán facer uso do bono nos establecementos adheridos, 3.700 en toda España. 3 liñas de axuda
O Bono Cultural Xoves do Goberno divídese en 3 tramos, para promover o acceso a diversas expresións culturais. En concreto, son:
- 200 € para artes vivas, patrimonio cultural e audiovisuais
- 100 € para produtos culturais en soporte físico como libros, revistas, prensa, videoxogos, discos, entre outros
- 100€ para consumos dixitais como subscricións a plataformas de música, audiolibros, prensa dixital, videoxogos online, descarga de podcasts, entre outros.
Programa Afinidades Electivas
Por outra banda, o subdelegado do Goberno felicitou ao responsable da Librería Eixo, Javier Ibáñez, polo éxito que tivo a súa participación ao programa Afinidades Electivas do Ministerio de Cultura. O 26 de xuño, o espazo acolleu un diálogo entre os creadores Mario Obrero e Alba Cid, no que os veciños e veciñas da cidade puideron coñecer as súas perspectivas sobre a poesía.