​O BNG de Trasmiras denuncia que as piscinas municipais seguen pechadas a 8 de xullo por obras na piscina grande.

​O BNG de Trasmiras denuncia que as piscinas municipais seguen pechadas a 8 de xullo por obras na piscina grande.

A día de hoxe, 8 de xullo, seguen pechadas e en obras.

O Bloque Nacionalista Galego de Trasmiras quere manifestar publicamente o seu malestar e o da veciñanza pola situación das piscinas municipais, que a día de hoxe, 8 de xullo, seguen pechadas e en obras, nunha clara mostra de desorganización e falta de previsión por parte do goberno municipal.

En plena tempada estival, cando as altas temperaturas fan necesaria a apertura destes espazos recreativos, as instalacións seguen inoperativas por obras no vaso da piscina grande. Esta situación é inadmisible, tendo en conta que outros concellos limítrofes como Xinzo de Limia, Porqueira, Sarreaus, Rairiz de Veiga, Vilar de Santos, Vilar de Barrio ou Cualedro xa teñen abertas as súas piscinas dende o 1 de xullo, ofrecendo así un servizo esencial á súa veciñanza.

Consideramos que o Concello de Trasmiras debería ter planificado con tempo estas actuacións de mantemento ou mellora para garantir a apertura das piscinas ao inicio do verán, tal como é habitual. A culpa desta situación, unha vez máis, é da falta de previsión e de vontade do alcalde para facer as obras en prazo, da súa desidia e da manía evidente que lle ten a esta área recreativa, á que nunca lle demostrou interese por coidar nin por manter.


Estamos ante unha mostra máis do abandono institucional dos poucos espazos de lecer que nos quedan no noso concello. As piscinas municipais non son un luxo, senón un servizo básico durante o verán, especialmente para a mocidade, a infancia e as persoas maiores. A súa apertura tardía non ten xustificación posible e deixa sen alternativa de lecer a moitas persoas do noso concello.



Co BNG gobernando en Trasmiras, isto non pasaría. As piscinas estarían abertas, os servizos funcionarían e a veciñanza estaría no centro das decisións. Nós non poñemos escusas: poñemos solucións.


Non permitiríamos nunca que Trasmiras quedara atrás mentres outros concellos fan o que toca: cumprir coa súa xente.

IMG20250707200728