O ecobarco permite descubrir os atractivos das comarcas do Ribeiro e Baixa Limia

O ecobarco permite descubrir os atractivos das comarcas do Ribeiro e Baixa Limia

Esta iniciativa ecoturística deseñada para descubrir os tesouros naturais, culturais e patrimoniais das comarcas do Ribeiro e Baixa Limia a través dunha experiencia apacible e guiada a bordo dunha embarcación eléctrica e sostible

A Deputación de Ourense dá un impulso máis para complementar a oferta termal da provincia, coa posta en marcha de catro novas rutas en ecobarco -embarcación eléctrica e sostible- pola provincia, deseñadas como unha experiencia turística fluvial única en Galicia para descubrir os tesouros naturais, culturais e patrimoniais das comarcas do Ribeiro e a Baixa Limia.

O presidente provincial, Luis Menor, participou na viaxe inaugural dun dos ecobarcos, neste caso na ruta que parte do embarcadoiro de Cortegada, acompañado polo subdelegado do Goberno, Eladio Santos; os alcaldes de Cortegada, Arnoia e Castrelo de Miño, Avelino de Francisco, Rodrigo Aparicio e Avelino Pazos; e por parte da Xunta de Galicia Cecilio Santalices, xefe da área provincial de Turismo, e Belén Gómez, xefa da Área de Turisno Termal.

Ao percorrido realizado hoxe súmanse viaxes dende A Arnoia, Castrelo de Miño e Muiños.“Este é un paso máis no aproveitamento dun recurso como a auga, máis alá do termalismo, e un exemplo de cooperación institucional”, destacou Menor.

Os obxectivos desta actuación enmarcada no Plan de Sustentabilidade Turística en “Ourense Termal” son crear un sistema de mobilidade turística sostible, incrementar as actividades complementarias á oferta termal; impulsar o ensamblaxe de produtos turísticos e incrementar a estadía media no destino.

Presentaciu00f3n novas rutas ecobarco 3

Unha viaxe entre pontes e pasos de barca

Os asistentes ao acto realizaron un percorrido polas paisaxes fluviais de Cortegada, que trasladan ao viaxeiro á época das “pesqueiras”, discorrendo entre pontes e pasos de barca, ata a desembocadura do Deva. Neste sentido, Menor puxo en valor “paisaxes marabillosos coma este, que unidos a outras potencialidades da provincia, complementan á perfección a nosa oferta turística”. Menor destacou tamén o turismo como “fonte de riqueza que fai que Ourense non sexa xa esa gran descoñecida”.

Avelino de Francisco puxo en valor o conxunto da oferta termal da que dispón o municipio, co balneario como principal atractivo, mentres Eladio Santos destacou a oportunidade de “ofrecer actividades turísticas que teñen futuro”, animando a concellos e iniciativa privada a cooperar con este tipo de proxectos.

Cecilio Santalices, xefe da área provincial de Turismo da Xunta de Galicia, puxo en valor a cooperación e a “aposta clara polo turismo de interior” con accións coma esta.

Preto de 476.000 euros de investimento

Esta iniciativa da Deputación estreaba hai menos dun ano as tres últimas embarcacións, que completan ata un total de cinco nun servizo “que é exclusivo dentro da oferta turística no territorio con maior concentración de augas termais de Europa como é Ourense”, tal e como sinalou o presidente provincial, Luis Menor. Estes ecobarcos, xunto a posta en marcha do proxecto, suman un investimento total de preto de 476.000 euros (236.736,5 para adquisición de ecobarcos e 238.889 para a posta en marcha e xestión do proxecto piloto, ademais do acondicionamento e mellora de pantaláns).

Todo isto realízase a través do “Plan de Sustentabilidade Turística en Ourense Termal”, no marco dun convenio entre a propia Deputación de Ourense, a Axencia de Turismo de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo.

Os ecobarcos son embarcacións eléctricas de última xeración, 100% respectuosas co medioambiente. Sen emisións, sen ruído e sen pegada de carbono.

Rutas exclusivas

As rutas regularmente funcionarán a través de catro saídas por día (na web www.ecobarcourense.gal pódense realizar as reservas directamente e consultar a dispoñibilidade desde cada embarcadoiro).

Á proposta de Cortegada, únense outras tres. A primeira sae dende o embarcadoiro de Arnoia. Situado nunha contorna natural tranquila, ofrece acceso directo a roteiros fluviais rodeados de viñedos e paisaxes verdes. A ruta fluvial navega desde o embarcadoiro da contorna do Balneario de Arnoia ata a localidade de Ribadavia, no límite coa desembocadura do Avia e a desembocadura do Arnoia.

A seguinte opción, xunto ao Parque Náutico de Galicia, é o embarcadoiro de Castrelo de Miño. Conta con excelentes vistas panorámicas e a súa contorna natural e patrimonial. Ofrecendo unha desconexión total desde a amplitude do encoro.

Por último, en plena natureza do Xurés, Muíños é ideal para os máis aventureiros. Goza de augas tranquilas, roteiros salvaxes e unha contorna de montaña espectacular, ademais de ofrecer unha vista única desde a auga do Aquis Querquennae.

Presentaciu00f3n novas rutas ecobarco 4