Case 700 sinaturas en dous días na Limia para que as Administracións actúen xa contra a contaminación
Augas Limpas recolle ademais o malestar de moitos habitantes das dúas comarcas máis afectadas pola resposta da Xunta eludindo a súa responsabilidade e tratando de dilatar o problema.
Auga Limpa Xa recolleu case 700 sinaturas en dous días nos puntos informativos habilitados nas feiras de Lobios, o domingo, e Xinzo, este luns, en apoio de que as Administracións autonómica e estatal cumpran as súas obrigas de corrixir a degradación ambiental do encoro das Conchas e garantir o abastecemento de auga potable limpa, segura e libre de ameazas á saúde das persoas, tal como fallaron os maxistrados do TSXG o pasado venres.
Nun escrito que se rexistrará nos concellos, deputación, departamentos competentes da Xunta e do Goberno central, Auga Limpa Xa reclama un control da xestión dos residuos da gandaría industrial nas comarcas da Limia e comarcas veciñas, cun control exhaustivo das empresas que se dedican a este labor. Ademais, a plataforma recolle apoios para a posta en marcha de maneira urxente dunha moratoria á instalación de novas explotacións intensivas de gando, así como a declaración da Limia como Zona Vulnerable por contaminación por nitratos, tal e como esixe Europa.
Por último, o escrito, na liña coa demanda presentada por veciñas das Conchas por vulneración do dereito á saúde, solicita que se realice un macroestudo sobre os impactos da contaminación das augas na saúde humana.
A deferencia de campaña anteriores nos primeiros anos nos que a plataforma levou á axenda pública o grave problema da contaminación das augas, nesta ocasión non se atopou hostilidade ningunha por parte de centos de veciñas e veciñas da Limia e da Baixa Limia que nas xornadas do domingo e do luns acudiron aos puntos de información co ánimo de coñecer detalles sobre a cuestión e mostrar o apoio tanto ás demandas como á iniciativa da plataforma.
Augas Limpas recolle o malestar de moitos habitantes das dúas comarcas máis afectadas pola contaminación das augas na bacía do Limia a respecto da reacción da Xunta, quen despois de que os maxistrados dos TSXG lles indicasen que está a incumprir as súas obrigas competenciais, e que o leva facendo desde hai polo menos 15 anos, a conselleira de Medio Ambiente anuncie que recorrerán a sentenza co argumento de que a responsabilidade é do Goberno central, tamén sinalado polo tribunal pola mesma inacción.
Esperamos que na CHMS, o outro organismo afectado pola sentenza, teñan o ánimo de asumir os erros, corrixilos dilixentemente e non tratar de dilatar o procedemento nun exercicio de responsabilidade que a Xunta non está disposta a ofrecer.
IMAXES: PUNTO INFORMATIVO NA FEIRA DE XINZO ESTE LUNS.