Asunción Morgade nova responsable comarcal do PSdG-PSOE
A responsable da Limia é Asunción Morgade Rúa (Alcaldesa de Rairíz de Veiga) e na Limia Baixa José Manuel Fernández Cuquejo (concelleiro en Calvos de Randín).
O PSdeG-PSOE de Ourense vén de celebrar a primeira xuntanza ordinaria do Comité Provincial, logo da celebración do V Congreso Provincial e da ratificación da nova Comisión Executiva. As e os socialistas deron conta das últimas novas orgánicas, así como do Comité Federal e da última Executiva Galega.
O secretario xeral do PSdeG-PSOE de Ourense, Álvaro Vila Araújo, aproveitou a lectura do informe político para facer balance dos primeiros meses de traballo da nova Comisión Executiva Provincial. Vila destacou a “normalidade” dos últimos procesos celebrados que culminaron coa constitución das agrupacións locais e da elección dos diferentes responsables comarcais.
As e os socialistas fan fincapé en que “agora é hora de traballar coa vista posta nas eleccións municipais de 2027” e subliñan que “estamos preparados para formar os mellores equipos e as mellores candidaturas para procurar os mellores resultados posibles na provincia, así como aumentar o número de alcaldías”.
O PSdeG-PSOE de Ourense aproveitou os meses de maio e xuño para celebrar as diferentes asembleas das agrupacións municipais socialistas da provincia. Celebráronse 56, das que 51 foron vía asemblea e 5 a través das xestoras. As e os socialistas destacan a “importante renovación orgánica” levada a cabo nas asembleas, onde apuntan que “máis do 50% dos secretarios xerais municipais mudaron, sendo 29 deles novos membros”. Poñen en valor “a importancia destes procesos orgánicos, co obxectivo de reforzar o partido e comezar a traballar con vistas aos comicios municipais de 2027”.
No Comité Provincial tamén se aprobou a folla de ruta e as directrices de actuación da Comisión Executiva Provincial e designouse aos representantes do Comité Provincial na Comisión Provincial de Listas, que serán un total de dez, seis elixidos neste comité e 4 xa elixidos previamente pola Executiva Provincial.
Na sesión tamén se deu conta dos novos responsables comarcais do partido que son os seguintes:
Bande: José Manuel Fernández Cuquejo (concelleiro en Calvos de Randín).
A Limia: Asunción Morgade Rúa (alcaldesa de Rairiz de Veiga).
Trives/Caldelas: Sara Inés Vega Núñez (alcaldesa Castro Caldelas).
Valdeorras: Aurentino Alonso Araújo (tenente de alcalde no Barco).
Ourense: Brian Diz González (concelleiro en Amoeiro).
Celanova: Jesús Pereiras Vázquez (voceiro en Cartelle).
Verín: Marina Vaz Quintillán (voceira en Riós e deputada provincial).
Ribeiro/O Carballiño: Maria Luz Roo Cabo (concelleira en Maside).