O PSdeG-PSOE de Xinzo solicita información e unha solución "urxente" á Consellería de Sanidade ante os problemas das augas do interior do Centro de Saúde
As e os socialistas denuncian que o centro “leva un mes con carteis nas portas dos aseos coa lenda auga non potable, e nos que se inclúe a imaxe de perigo de morte”, situación que “está xerando gran inquietude e alarma social entre a poboación”
O PSdeG-PSOE de Xinzo vén de trasladar un escrito á xefatura territorial da consellería de sanidade da Xunta de Galicia solicitando información “clara e transparente” do que acontece coa auga da traída no interior do centro de saúde do municipio. As e os socialistas denuncian que o centro “leva un mes con carteis nas portas dos aseos coa lenda auga non potable, e nos que se inclúe a imaxe de perigo de morte”. Unha situación que “está xerando gran inquietude e alarma social entre a poboación”.
Dende o grupo municipal socialista explican que a solicitude de información vén motivada “para coñecer o que está acontecendo coa auga de subministro no interior do centro de saúde dende o mes de xuño”. As e os socialistas consideran “moi preocupante” a situación, xa que a instalación destes carteis “xerou unha gran preocupación entre a veciñanza”.
A voceira do PSdeG-PSOE en Xinzo de Limia, Elvira Lama Fernández, afirma que “esta é unha situación que se mantén dende o pasado 20 de xuño, sen solución algunha, nin máis explicación á poboación por parte da consellería de sanidade, a quen corresponde a titularidade do centro”. A voceira socialista reclama que “namentres non se soluciona a situación, se instalen puntos de subministro de auga embotellada, para que traballadores e usuarios poidan beber se o necesita, e máis nestes días, con altas temperaturas”.
“No día de onte, o grupo municipal socialista preguntou ao alcalde sobre este problema”, explica Lama Fernández, pero tal e como apunta “a súa resposta foi que o problema está en que as tubaxes son de chumbo, e que non convén crear alarma social”. Neste senso, a edil socialista considera que “o crea alarma social son os propios carteis e que pasado un mes non haxa solución por parte da consellería”.
As e os socialistas de Xinzo consideran que a situación “é extremadamente grave e preocupante”, xa que tal e como indican “son moitas as persoas que empregan os aseos, tanto traballadores e traballadoras do centro na súa xornada laboral, como as e os pacientes que acoden ao centro, ou as persoas que teñen que recoller mostras de ouriños para analizar”.
Por este motivo, o PSdeG-PSOE de Xinzo quere saber que está pasando coa auga do centro de saúde, cando está previsto que a consellería de sanidade poña fin a esta situación, que como recalcan “está xerando medo e alarma entre a veciñanza”. Tamén piden coñecer cando están previstas as actuacións e obras necesarias para solucionar a problemática dun centro que funciona como PAC e que multiplica a poboación en época estival.
No escrito, remitido no día de hoxe, dan conta da situación, das explicacións que lles foron trasladadas por parte da concesionaria do servizo, Vizqua, que na toma de mostras aleatorias que se fan en distintos edificios do concello, deu mal no interior do centro de saúde e deu valores correctos na acometida do exterior, polo que conclúen que o problema está nas tubaxes do edificio.