Ficar Aquí, máis de 50 oportunidades e ofertas de emprego no portal do GDR Limia-Arnoia
- Estas máis de 50 propostas están penduradas nun lugar propio e específico dentro de Ficar Aquí e trátase dunha cifra que irá medrando nos próximos meses grazas ao traballo de campo que se está realizou nas últimas semanas e á boa acollida que está tendo o proxecto entre o sector empresarial
O Grupo de Desenvolvemento Rural Limia-Arnoia e Ficar Aquí, o portal de emprego e oportunidades do rural galego, están desenvolvendo unha campaña conxunta coa que buscan agrupar todas as ofertas de emprego e oportunidades que existen nos 25 concellos que abrangue esta entidade no portal de emprego do GDR10 Limia-Arnoia en Ficar Aquí (www.ficaraqui.gal). Agora mesmo xa son máis de 50 as empresas que teñen penduradas as súas ofertas neste sitio específico do portal (https://ficaraqui.gal/entidades/gdr-limia-arnoia/), unhas ofertas que ademais son compartidas nas diferentes canles de Whatsapp de cada unha das bisbarras nas que se encadran estes municipios: Allariz-Maceda, Limia, Baixa Limia e Terra de Celanova. Deste xeito, as persoas que seguen estas canles reciben as últimas novidades sobre emprego e venda, traspaso ou alugueiro de negocios directamente nos seus móbiles.
A coordinadora do GDR10 Limia-Arnoia, Eva González, considera que esta é unha iniciativa que pode axudar a evitar o despoboamento do rural e a incrementar as opcións de que os emprendedores aposten por continuar no entorno e non se vaian ás grandes cidades. "O futuro dos concellos do noso territorio pasa pola creación de emprego e o desenvolvemento económico. É importante conservar o tecido empresarial existente e que xurdan novos negocios que tiren proveito dos nosos recursos. Queremos que as persoas que apostan por vivir e traballar aquí, poidan atopar no portal de emprego do GDR10 a oportunidade que están a buscar e desa maneira contribuír a fixar poboación no territorio", explica González.
Desde Ficar Aquí realizouse nas últimas semanas un intenso traballo de campo para presentarlle ás empresas e asociacións empresariais da zona o portal, tanto pola vía epistolar a través do correo electrónico como mesmo chamando directamente a aquelas que contan cun maior número de empregados no seu plantel. Neste traballo constatouse a importancia do sector turístico e servizos na zona, así como a necesidade imperiosa que teñen moitos negocios do territorio de recrutar profesionais da construción, electricistas, soldadores, carpinteiros ou chóferes de camión e tráiler, entre outros perfís. Do mesmo xeito, xa aparecen algúns negocios, tales como unha clínica dental que se traspasa en Celanova ou un taller mecánico que se aluga na Bola, cuxa venda, alugueiro ou traspaso é importante visibilizar e difundir para que acaben atopando novos administradores e así non se perdan máis servizos nas vilas de mediano e pequeno tamaño.
Con esta aposta polo portal de emprego, o GDR10 Limia-Arnoia cumpre cunha das metas coas que naceu, que non é outra que traballar para a mellora da calidade de vida e o desenvolvemento rural das comarcas de Allariz-Maceda, A Limia, Baixa Limia e Terra de Celanova.
Sobre Ficar Aquí
Ficar Aquí, o portal de emprego e oportunidades do rural galego, é unha iniciativa lanzada a mediados de 2024 por Enxerta [Re]Acción Rural, un colectivo onde nos adicamos a crear e impulsar proxectos innovadores para o mundo rural. Ficar Aquí é, polo tanto, un sitio web deseñado desde o rural e para o rural.
O portal estrutúrase en catro grandes bloques de oportunidades: ofertas de emprego, alugueiro/traspasos/vendas, relevo xeracional e socios/colaboracións. Os usuarios poden rexistrarse de xeito totalmente gratuíto e ir subindo as súas ofertas e oportunidades en cada unha destas categorías. A partir de aí, as opcións que suban ao portal serán difundidas a través de Whatsapp na canle específica creada para cada comarca, co que se xera unha comunicación directa co potencial público obxectivo das mesmas. Así mesmo, todas as ofertas e oportunidades están xeolocalizadas nun mapa galego, facendo así aínda máis cómodo atopar as ofertas que máis lle interesan a cada persoa a nivel xeográfico.
Con Ficar Aquí buscamos colaborar con limitar e mesmo chegar a poñerlle fin ao despoboamento que está sufrindo o noso rural, xa que a falta de veciños e relevo nos negocios está condicionando a actividade socioeconómica e tamén o mantemento dos servizos nas vilas medianas e pequenas de Galicia. Con este proxecto queremos sumar na loita contra o despoboamento e tamén dinamizar a economía local, xuntando os recursos do territorio, das persoas que o habitan (ou queren habitalo) e das entidades que traballan nel.
Consideramos que si que hai oportunidades no rural galego para emprender e facer unha vida plena, pero tamén cremos que moitas destas oportunidades precisan ser visibilizadas, co que finalmente conseguiremos amosar que temos un rural vivo, dinámico e cheo de iniciativas.