Fin da impunidade para contaminar na Limia
“que presenta uns niveis de contaminación superiores ao do Mar Menor en Murcia”, segundo subliñou Pablo Álvarez
A plataforma veciñal Auga Limpa Xa, que reúne veciñas e veciños das comarcas da Limia e lindeiras como Celanova e Allariz-Maceda xunto a colectivos ecoloxistas proclamou o sábado na Casa da Cultura de Xinzo de Limia o máis que simbólico fin da impunidade para a contaminación do territorio ao fío da recente sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) que castiga a inacción das Administracións (a Xunta e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, CHMS) e obrígaas a establecer medidas para reparar o dano.
Pablo Álvarez (portavoz dos veciños e veciñas das Conchas, en Lobeira), Serafín González (presidente da Sociedade Galega de Historia Natural) e Manuel García (portavoz do Movemento Ecoloxista da Limia e un dos impulsores da plataforma) explicaron que a sentenza non é un punto e final, senón o comezo dunha nova fase na loita das veciñas e veciños das nosas comarcas fronte ao poder político que veu mirando para outro lado mentres o complexo industrial gandeiro na Limia esparexía os seus residuos polo territorio provocando un grave problema ambiental no encoro das Conchas, “que presenta uns niveis de contaminación superiores ao do Mar Menor en Murcia”, segundo subliñou Pablo Álvarez, quen falou en nome do colectivo de Lobeira que interpuxo unha demanda por vulneración de dereitos fundamentais (entre eles, o dereito á saúde) contra as Administracións Públicas que deu lugar á sentenza do TSXG que a Xunta e a CHMS anunciaron que recorrerán ao Supremo.
“A sentenza inda non é firme. Teñen até o 11 de agosto para presentar os seus escritos. E veremos cal é o percorrido, porque estamos dispostos a pasar polo Constitucional e chegar até a xustiza europea”, insistiu Álvarez, e subliñou: “En calquera caso, a sentenza vén a reafirmar a sensación que xa tiñamos todos: a sensación de que en todos estes anos fomos abandonados polos alcaldes, pola Xunta e polo Goberno do Estado”.
Pablo Álvarez tamén advertiu que as veciñas de Lobeira presentaron esta demanda “non só polas afeccións que sufrimos directamente nas Conchas”, tamén polo que acontece augas arriba na Limia, onde “a maioría dos pozos están contaminados e existe un serio problema cos nitritos”. Álvarez aludiu ao risco que a contaminación das augas en toda a bacía do Limia incremente a posibilidade de padecer determinados tipos de cancro e proclamou: “Estamos diante dun grave problema de saúde pública”.
Da impunidade, e tomando como base datos oficiais que respaldan a súa análise científica, falou Serafín González, quen criticou a incompetencia da actual conselleira de Medio Ambiente e o intento de eludir responsabilidades por parte do organismo de conca.Serafín González lembrou que a Sociedade Galega de Historia Natural “leva 17 anos alertando do problema, primeiro, a través das alegacións á autorización de instalacións de macrogranxas, despois, con interpelacións directas á consellería de Medio Rural, mesmo cunha carta ao presidente da Xunta... nunca nos fixeron caso, até que a finais do 2021 o TSXG anulou a avaliación do impacto ambiental da ampliación dunha granxa de polos no lugar de Santa Mariña de Congostro, en Rairiz de Veiga “asumindo, entre os sete argumentos da sentenza, cinco dos presentado pola Sociedade”.
Serafín González volveu explicar que tanto os datos oficiais dos organismos encargados de velar pola calidade das augas (CHMS e Sanidade) como as evidencias científicas recollidas nestes tres últimos lustros por investigadores e activistas sinalan que a orixe da contaminación está na carga gandeira da comarca da Limia (A Limia alta) e, máis concretamente “como recolle o Plan hidrolóxico 2022-27, en vigor”, na gandaría estabulada; é dicir, no modelo intensivo de produción de carne de porco e aves que presenta na Limia o impacto máis elevado de todo o territorio competencia da CHMS, o organismo de conca que, segundo subliñou o científico, “que saibamos, non informou desfavorablemente contra un proxecto de macrogranxa nestes últimos 17 anos”.
O presidente da Sociedade Galega de Historia Natural incidiu ademais de que, malia o éxito que supón o recoñecemento por parte do TSXG da responsabilidade da Administración, o problema da contaminación non deixou de aumentar. “Na Limia non hai terra para tanta merda”, retou González. E lembrou que as analíticas nos puntos de control das augas mostran cada ano valores máis altos e cada vez en máis puntos. E dixo que se no 2019 estimaban que o impacto dos residuos da carga gandeira na Limia equivalían aos producidos por unha poboación humana de 1,5 millóns de persoas (nas dúas comarcas da Limia a poboación no supera as 25.000 persoas), a día de hoxe -e coincidindo coa estimación presentada a semana pasada polo propio organismo de conca- o equivalente serían xa os residuos que xera unha poboación de 2 millóns de habitantes.
González volveu reclamar unha moratoria, “malia que na situación actual xa non valería con frear, senón que habería que reducir o número de cabezas de gando”.
Pola súa parte, Manuel García, fundador do Movemento Ecoloxista da Limia e impulsor no 2019 da plataforma Auga Limpa Xa despois de décadas denunciando os efectos que estaban a ter nas augas as malas prácticas de xestión dos residuos e o impacto da proliferación de macrogranxas no territorio da Limia, insistiu no desleixo das Administracións públicas, recordou o fracaso de “pretendidas solucións” como a Mesa da Limia e o PEL (o denominado Plan Estratéxico da Limia, que nunca se chegou a poñer en marcha) e advertiu da necesidade “urxente, tal e como indica a sentenza do TSXG, de impoñer unha moratoria”, ademais de declarar as comarcas da Limia como Zona Vulnerable por contaminación por nitratos, “como esixe e demanda Europa desde o 2022”, para que se faga efectivo o cumprimento dos códigos de boas prácticas agrícolas, e que as Administracións impulsen un novo modelo de produción de alimentos enfocado á calidade recuperando as prácticas tradicionais e sustentables.
García fixo un percorrido por dúas décadas de loita na Limia e, tendo en conta esta experiencia -na que se contou co apoio puntual de grandes asociacións ecoloxistas (como Greenpeace), pero moita máis animadversión que respaldo desde as institucións públicas e partidos políticos e hostilidade aberta desde colectivos que defenden os intereses da gran empresa-, insistiu na súa advertencia contra as solucións aparentes. “Na Mesa da Limia, o daquela conselleiro de Medio Rural, chegou a prometer que non se verterían máis xurros na Limia, que se farían plantas de tratamento, que se promovería unha produción agrícola e gandeira máis respectuosa co medio... Nada de nada”, recordou.