A auga do Centro de Saúde de Xinzo é apta para o consumo
Os resultados destas analíticas supoñen que as instalacións das tubaxes do centro de saúde non presentan ningún risco de contaminación da auga polo que os problemas detectados non tiñan orixe nas instalacións do centro.
O Centro de Saúde de Xinzo vén de recibir os informes analíticos encargados pola Xerencia da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras correspondentes ás mostras de auga tomadas neste mes de xullo nos puntos de consumo no interior e exterior.
As análises realizadas constatan que a auga é apta para o consumo humano, segundo os criterios establecidos polo Real Decreto 3/2023 sobre a calidade da auga destinada ao consumo. Este control forma parte do programa habitual de vixilancia sanitaria da calidade da auga nas instalacións públicas, co obxectivo de garantir a seguridade e a saúde de profesionais e usuarios.
Os resultados destas analíticas supoñen que as instalacións das tubaxes do centro de saúde non presentan ningún risco de contaminación da auga polo que os problemas detectados non tiñan orixe nas instalacións do centro.
Os resultados das análises de todos os parámetros fisicoquímicos, microbiolóxicos e organolépticos, como a turbidez, a presenza de metais pesados, o pH, a condutividade ou a ausencia de Escherichia coli, cualifican a auga como apta para o seu consumo.
Estas analíticas periódicas realizadas supón unha garantía engadida para a poboación, xa que se reforzan os controis estritos e frecuentes e se establecen protocolos claros de actuación ante calquera incidencia, como foi a que afectou ao centro de saúde de Xinzo e que levou á colocación de carteis informativos co aviso de auga non apta para o consumo.