A Deputación mobiliza máis de 1,5 millóns de € para EmprendenOU en Feminino, cooperar con concellos e entidades
Cun orzamento de 100.000 euros, o plan de emprendemento feminino tratará de impulsar o asociacionismo empresarial feminino, a transformación dixital das súas iniciativas e a formación continua
Rairíz de Veiga, Sandiás e Muiños, entro outros concellos recibiran axudas para os rueiros e a cartografía municipal
A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense acordou hoxe mobilizar máis de 1,5 millóns de euros que se distribuirán entre a posta en marcha dunha nova edición do programa EmprendOU en Feminino, o reforzo do apoio aos clubs deportivos, un novo plan de cartografía para rueiros municipais e a cooperación cos concellos e as entidades sociais.
Polo que respecta ao programa EmprendOU en Feminino, este novo plan “dá continuidade á nosa vontade de apoiar a actividade económica creada por novas empresarias, especialmente no ámbito rural”, destacou o presidente provincial, Luis Menor, na comparecencia posterior á reunión ante os medios de comunicación.
Esta nova edición tratará de impulsar o asociacionismo empresarial feminino, a transformación dixital das súas iniciativas económicas e a súa formación continua. Con este fin habilítase unha axuda do 50 % do Salario Mínimo Interprofesional ás emprendedoras menores de 35 anos que creasen unha empresa nos últimos tres anos, e que leven alo menos 6 meses en funcionamento.
Cálculase que se apoirán ata un máximo de 168 proxectos empresariais de mulleres en toda a provincia, dando prioridade ás iniciativas que teñan o seu centro de actividade en municipios de menos de 20.000 habitantes. Para estes casos estará reservado o 75% do orzamento total do programa, que son 100.000 euros.
Avanzou Luis Menor que no próximo mes de outubro e neste ámbito do emprendemento feminino está previsto organizar, en colaboración coa Asociación de Novos Empresarios, “un encontro aberto a máis dun centenar de novas emprendedoras, para poñer en valor a súa contribución á dinamización económica da nosa provincia”.
Máis axudas para máis dun cento de clubs deportivos
O presidente provincial subliñou a importancia doutro dos asuntos tratados hoxe na Xunta de Goberno: o reforzo do apoio aos clubs deportivos da provincia cun significativo incremento das axudas, que pasan de 350.000 euros a 550.000 euros na presente convocatoria, “facilitando que a maioría dos clubs duplicaran as achegas recibidas en exercicios anteriores”, sinalou Menor.
Un total de 103 clubs vanse beneficiar destas axudas, correspondentes a unha ampla variedade de modalidades deportivas: ao redor de 25 disciplinas. O presidente detívose no apoio ao deporte minoritario, que tamén sae beneficiado deste incremento, pois por exemplo no caso da ximnasia as achegas aumentan en 22.000 euros e no caso do atletismo e das escolas deportivas a suba sitúase en torno aos 10.000 euros.
Cartografía dixital para concellos
A Xunta de Goberno aprobou tamén unha iniciativa novidosa: as axudas por un importe superior a 94.500 euros para os concellos de menos de 5.000 habitantes, co fin de confeccionar a cartografía municipal dos rueiros municipais, así como a elaboración e colocación das correspondentes placas de identificación coa numeración do rueiro.
Unha ferramenta, apuntou Luis Menor, “que permite atopar con facilidade lugares de interese ou acceder a servizos esenciais”, ademais de integrar esta información nos xeoportais dos municipios ou calquera visor cartográfico de organismos supramunicipais, sexan provinciais, autonómicos ou estatais.
Os concellos beneficiados nesta convocatoria son Vilariño de Conso, Parada de Sil, Carballeda de Valdeorras; Rairiz de Veiga; Pontedeva; Xunqueira de Espadanedo; A Teixeira; Carballeda de Avia; Muíños; Sandiás e Avión.
Cooperación cos concellos e mancomunidades
En cooperación cos concellos, na sesión desta mañá aprobáronse case 543.000 euros en axudas para trece entidades locais. Asi, Monterrei recibirá 50.000 euros consignados no convenio para o mantemento do castelo; Porqueira cofinanciará con 75.000 euros o Servizo de Axuda no Fogar (SAF); e Sandiás disporá de 40.000 euros para gastos de persoal e mantemento do Punto de Atención Infantil (PAI).
O Concello de Maside recibirá 100.000 euros para o campo de fútbol, mentres que Cenlle contará con 18.500 euros para melloras no seu campo de xogo. Cualedro recibirá 48.000 euros para renovación do saneamento e abastecemento na Xironda; Padrenda 35.000 euros para mellora de accesos en Morgade; o mesmo obxecto que os 50.000 euros destinados a Quintela de Leirado. Riós contará con 10.000 euros para o parque infantil, o mesmo destino que terá a axuda de 40.000 aprobada para Sarreaus.
Tamén recibirán achegas a mancomunidade da comarca de Ourense, con 10.000 euros para traballos medioambientais; 50.000 para gastos de funcionamento na mancomunidade de Santa Águeda; e idéntico destino para os 20.000 euros que recibirá a mancomunidade turística dos municipios do Carballiño, Ribadavia, Boborás e Leiro.
Colaboración con entidades
En colaboración con entidades aprobáronse 220.000 euros en subvencións a dez colectivos. O Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras vai recibir 45.000 euros para gastos de funciamento; a asociación veciñal das Laxas contará con 20.000 euros para gastos de funcionamento, e a entidade Vagalume Valdeorras recibirá 7.000 para os encontros de familia-escola.
A Fundación Otero Pedrayo poderá financiar as súas actividades con 35.000 euros, mentres que a Asociación de Pais e Nais e amigos de persoas con Discapacidade Intelectual, Special Olympics disporá de 25.000 para o Nacional de Fútbol Sala. Tamén no eido social, a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) vai recibir unha achega de 50.000 euros para gastos de funcionamento e programas de inserción social.
Clubs Ourense Atletismo disporá de 15.000 euros para gastos de funcionamento, a mesma finalidade que os 12.000 euros destinados á Asociación de Concesionarios de Automóbiles de Ourense. A Escudería Taboadela poderá financiar con 6.000 euros a súa tradicional proba.
Programacións para o curso 2025-2026 en centros da Deputación
Na sesión de hoxe da Xunta de Goberno aprobáronse as programacións para o curso 2025-2026, e no seu caso os prezos, dos centros dependentes da Deputación que imparten ensinanzas tradicionais: as escolas provinciais de Artes e Oficios e de Gaitas, así como do Obradoiro de Gaitas e Instrumentos Tradicionais e do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo.
Apuntar ademais a modificación das tarifas para os servizos e actividades no Pazo dos Deportes Paco Paz e para o servizo dos ecobarcos que realizan rutas fluviais polos encoros de Castrelo de Miño, Frieira e As Conchas.