VII Festival Internacional de Bandas de Gaitas "Vila de Xinzo"
Os días 1, 2 e 3 de agosto.
Entre a tarde-noite do vindeiro venres, 1 de agosto, e o mediodía do domingo 3, a capital limiá acollerá unha nova xeira do Festival Internacional de Bandas de Gaitas “Vila de Xinzo”, que celebra neste ano 2025 a súa VII edición.
Nado baixo a idea de ser escaparate do quefacer das agrupacións bandísticas de gaitas tanto da Península como do Arco Atlántico e servir como punto de encontro e de intercambio de experiencias musicais entre elas, no festival recalan este ano formacións de Ourense, A Coruña e Portugal: Real Banda de Ourense, Nova Era, Airiños de Fene e Grupo de Bombos e Gaitas S. Tiago Maior de Poiares; xunto coa anfitriona Banda de Gaitas Xinzo de Limia e a súa filial Banda B, así como o Coro Aimil e o grupo En Mala Hora.
O Festival Internacional de Bandas de Gaitas está organizado dende a súa primeira edición pola Escola Municipal de Gaitas e Percusión, sendo patrocinado polo Concello de Xinzo de Limia. Neste ano, ademáis, cóntase co apoio e desinteresada achega de varios establecementos e negocios da vila, axuda que a organización estima, agradece e valora moi positivamente.
Nos vindeiros días a comisión organizadora do festival irá informando polo miúdo e publicando horarios das actividades musicais nas rúas e concertos.