ALBA DE GRORIA – 25 DE XULLO
Observariamos, abraiados, como as nosas costas son deturpadas por especulacións urbanísticas que queren edificios a esgalla, a poder ser na area xa, para non ter que cruzar algo asfaltado, ou sen asfaltar, para ir á praia; como en vez de facer plans de acuicultura nas rías, que temos as mellores do mundo, por exemplo realizar o investimento dunha vez de quitar as bateas para fóra, que xa hai técnica para elo, e deixar as rías para o marisco e os peixes; en vez de iso levamos máis de vinte anos debatendo sobre parvadas, e deixando que a Celulosa de Pontevedra sega a ser a icona (é con segundas) dunha das rías máis fermosas que posuímos.
Castelao comezaba o seu sonado discurso de Alba de Groria, 1948 en Buenos Aires (vai tal como foi escrito, xa sei que hai varias versións, esta é a que eu teño): “Si no abrente d-este día poidéramos voar sobor da nosa terra e percorrela en todas direicións, asistiríamos á maravilla d-unha mañá única.”
Volvino ler o outro día e ata quedei tranquilo pensando que o irmán Alfonso Daniel repousa, no Panteón de Galegos Ilustres, onde el non pediría estar xamais, non por falsa humildade, senón, en primeiro lugar por motivos ideolóxicos, e en segundo porque gustaría de estar coa súa esposa e o seu fillo. Eu estaba en Santiago daquela, na banda dos que protestabamos por traelo, sen cumprimentar o seu pensamento ideario; afastando ao mesmo da súa familia, e sendo recibido por quen o foi a recibir; outra historia, algún día falo de ela, hoxe non toca.
Xa sei, xa sei, que ás veces me perdo, pero antes de entrar ao nó da cuestión quería salientar que existe tamén outra historia “negra e truculenta” de como a muller de Castelao, Dª Virginia, foi traendo aos poucos o corpo do seu fillo, morto aos catorce anos, nunha lata de galletas, para depositalos no panteón familiar de A Estrada, algo que non puido terminar, por falecer ela en Madrid, onde a levaron a operar polas lesións padecidas polo atropelo dun ciclista. O motivo de tal exhumación irregular era o medo a que as autoridades negaran o traslado, dado que era a viúva de quen era, e o neno fillo tamén de quen era. Ao final repousan nai e fillo xuntos na Estrada (grazas á Asociación de Amas de Casa de tal vila, que conste).
O discurso de Alba de Groria, ofrécenos unha procesión de ilustres persoeiros un 25 de xullo hipotético, que o mestre degraña como reflexo dunha terra que debe escribirse con maiúscula, con figuras históricas que darían renome a calquera nación.
Agora imos poñernos no presente. Se no abrente deste día puideramos voar sobre a nosa terra e recorrela en tódalas direccións asistiriamos a un circo (por non ser demasiado cruel) calquera das mañás en que o fixeramos.
Observariamos, abraiados, como o noso interior esmorece perdendo poboación, a pesar das migracións actuais, como o monte ou é selva ou está queimado, non hai outra, e as plantacións forestais de árbores autóctonas ou terreos ben traballados, son illas que debes distinguir con telescopio se estás un chisco enriba. Non hai plans de co xeneración que teñan os montes limpos e producindo enerxía a un prezo xusto, non hai nada.
Observariamos, abraiados, como as nosas costas son deturpadas por especulacións urbanísticas que queren edificios a esgalla, a poder ser na area xa, para non ter que cruzar algo asfaltado, ou sen asfaltar, para ir á praia; como en vez de facer plans de acuicultura nas rías, que temos as mellores do mundo, por exemplo realizar o investimento dunha vez de quitar as bateas para fóra, que xa hai técnica para elo, e deixar as rías para o marisco e os peixes; en vez de iso levamos máis de vinte anos debatendo sobre parvadas, e deixando que a Celulosa de Pontevedra sega a ser a icona (é con segundas) dunha das rías máis fermosas que posuímos.
Observariamos, abraiados, como un poderoso grupo económico é capaz de mercar gobernos, xornais, televisións, e técnicos para montar outra celulosa, pero desta volta macro celulosa, de nome Altri, que esmagará unha das zonas máis produtivas de leite de Galicia, e verterá as súas augas podres na ría de Arousa, a máis potente en canto a parques de cultivo e bateas, e como os que protestan, protestamos, contra ela, somos definidos como perigosos roxos bolivarianos, ou aldeáns que non temos nin idea das novas tecnoloxías. A conselleira de turno acaba de aseverar que hai que erguer a moratoria de non plantar eucaliptos, finaliza en Decembro, que quere un monte económico, é dicir cómpre preparar o terreo para que a macro-celulosa teña xa a materia prima achegada e inzar Galicia enteira de tal árbore. (Que Deus nos asista porque vai para diante, o do monte económico é certo, para acólitos claro).
Observariamos, abraiados, como os institutos de desenvolvemento de toda índole, e nomes ata estrambóticos, pagados por todos (valga a redundancia), teñen os seus orzamentos, ao noventa e nove por cento, para pagar nóminas de amigos e achegados, sen que quede un mísero euro para realizar calquera tipo de investimento económico, sendo tal situación aplaudida por uns xornais subvencionados polas distintas Administracións. A obra pública que se realiza non vén dada por tales institutos senón polas Administracións, por exemplo o Plan de Regadío da Limia polo Ministerio de Agricultura e a Consellería de Medio Rural, ningún “chiringuito” pon un euro.
Hoxe non ando satírico nin irónico, cousa rara, hoxe saliento que a existencia de medios como Dende A Limia, é trabe fundamental para que o persoal saiba das novas próximas, que son as que verdadeiramente interesan, pero que ademais son os fachóns que alumean nesta segunda longa noite de pedra que nos está a tocar vivir, para que persoas como vostedes ou coma min, poidan alzar a súa voz, con respecto vale, pero con liberdade e sen dar un paso atrás, para defender o importante, que non desmantelen o hospital de Verín, que non veña Altri a contaminar Galicia enteira, que se poida limpar dunha vez o noso río Limia, que teñamos os médicos necesarios no noso PAC (de familia, pediatras, reumatólogos...), e non haxa que levar ao enfermo ou ao cativo a Ourense, ou a Vigo, e así ata o infinito.
Comentaba no Centro Social de A Filgueira (Porqueira), un discurso político que me impactou, foi o que realizou o presidente das Cortes da Segunda República, Don Diego Martínez Barrio, cando dixo aquilo de que a Constitución que se aprobaba tamén servía para defender as cousas pequenas, posto que hai que saber defender ben as cousas pequenas, para que xamais haxa que saír á rúa para defender as grandes (lamentablemente trabucouse).
P.D: Aínda así feliz 25 de xullo para tod@s.
XOSÉ LOIS BREA SANMARTÍN