Os Castelos da Limia e demais concellos da provincia reciben preto de 260.000€ para intervencións arqueolóxicas
O delegado territorial supervisa o comezo dos traballos de limpeza e roza dos Castelos da Limia, aos que a Xunta inviste máis de 12.000€
As actuacións desenvolveranse na Torre do Castro (Sandiás), no Castelo da Pena (Xinzo de Limia) e na Torre de Firbeda (Porqueira); todas eles teñen a consideración de Ben de Interese Cultural(BIC) do patrimonio cultural de Galicia
O delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo, supervisou esta mañá en Sandiás, acompañado do alcalde, Felipe Traveso, o comezo dos traballos de limpeza e roza da Torre do Castro, que forma parte dos Castelos da Limia, propiedade da Xunta de Galicia, aos que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destinou máis de 12.000 euros.
O delegado territorial explicou que esta actuación forma parte das intervencións arqueolóxicas que para o ano 2025 promove a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, a través do seu servizo de Arqueoloxía, destinadas ao coñecemento, conservación e posta en valor do patrimonio arqueolóxico de Galicia
Manuel Pardo subliñou “a importancia de conservar e poñer en valor o noso patrimonio cultural que é un dos principais sinais que procuran identidade de pobo”. “O patrimonio é unha oportunidade para todos, para o seu aproveitamento cultural, a súa proxección exterior e para fortalecer a marca de país”; concluíu.
As actuacións desenvolveranse na Torre do Castro (Sandiás), no Castelo da Pena (Xinzo de Limia) e na Torre de Firbeda (Porqueira); todas eles teñen a consideración de Ben de Interese Cultural(BIC) do patrimonio cultural de Galicia. Construídas entre os séculos XI e XII co obxectivo de impedir os intentos de invasión procedentes de Portugal así como de controlar a lagoa da Antela. Forman parte dunha rede de defensas da zona de maior fertilizade do val da Limia.
Os traballos, baixo control arqueolóxico e cunha duración máxima de 40 días, consistiran na roza da vexetación e limpeza, eliminación de pequenas árbores e tocos deixados en anteriores limpezas, cortándoos a ras de solo, trituración ou traslado ao vertedoiro dos restos silvícolas.
Quince intervencións arqueolóxicas na provincia de Ourense
Na provincia de Ourense, con quince accións, o Goberno galego colabora cos concellos na recuperación patrimonial da Cibdá de Armea en Allariz, nos traballos de valoración no Castelo de Cabreira e no xacemento do Bouzadoiro en Verín, na posta en valor do antigo mosteiro de San Xoán de Camba en Castro Caldelas, e do patrimonio cultural do concello dos Blancos; na restauración do Foso do Lobo de Requiás, en Muíños; e nas actuacións arqueolóxicas no Castro de Lorbanzán en Oímbra, e no Campo de Ourique en Baltar.
A estes proxectos, súmanse en Avión os traballos de escavación e conservación previstos no Castro de San Vicenzo; en Beariz, a escavación e consolidación artellada sobre o Castro de Garfián; en Boborás, a actuación contemplada no Castro de Cameixa; a investigación arqueolóxica na Fraga Raxada en Lobios; a continuación dos traballos arqueolóxicos no Castelo da Picohna , en Calvos de Randín; a consolidación e restauración da muralla do Castro de Castromao en Celanova.
Ademais, levaranse a cabo a limpeza e roza de vexetación nos castelos da Limia, titularidade da Xunta, un conxunto composto pola Torre do Castro, no concello de Sandiás, o Castelo da Pena, en Xinzo de Limia, e a Torre de Firbeda, en Porqueira; e nas capelas medievais da Ribeira Sacra, que abarcan as provincias de Ourense e Lugo.
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude fai un investimento total no Plan de intervencións arqueolóxicas 2025 de preto de 260.000€ na provincia de Ourense.