25 anos de historia, cultura e impacto económico

​Xinzo presenta o cartel e a programación da edición máis ambiciosa da Festa do Esquecemento, con máis de 50 actividades e un Gran Circo Romano como principal novidade

​Xinzo presenta o cartel e a programación da edición máis ambiciosa da Festa do Esquecemento, con máis de 50 actividades e un Gran Circo Romano como principal novidade

A A.C. Civitas Limicorum organiza a programación da XXV Festa do Esquecemento, con máis de 50 actividades completamente gratuitas durante os días 22, 23 e 24 de agosto.

A Festa do Esquecemento celebra este ano os seus 25 anos de traxectoria cunha programación máis ampla, diversa e completa ca nunca. A Civitas Limicorum, organizadora do evento, destaca que serán máis de 50 actividades completamente gratuítas, entre espectáculos, concertos, pasarrúas, animacións, desfiles, teatralizacións ou eventos simbólicos como o prendido e o apagado do lume sagrado.

“Esta festa é xa un referente consolidado, con máis de dúas décadas de traxectoria. Nas últimas edicións falamos de máis de 20.000 visitantes durante a fin de semana, con repercusión directa en sectores clave de Xinzo como a hostalería, os hoteis e aloxamentos, as tendas de teas ou os talleres de costura. É festa, é cultura, pero tamén economía local”, afirmou o alcalde Amador Díaz. “Queremos poñer en valor tamén o traballo da Asociación Cultural Civitas Limicorum, impulsora desta celebración desde os seus inicios. Sen eles, nada disto existiría”, engadiu.

Un programa que se espalla por todo o centro de Xinzo

A gran novidade da edición 2025 será o regreso do Gran Circo Romano, un espectáculo de gran formato sobre terreo de area que incluirá cuadrigas, loitas de gladiadores e gradas para o público, con preferencia para quen vaia vestido/a de época. Será un dos actos centrais da fin de semana e recuperarase tras anos sen celebrarse.

A música tamén terá un papel protagonista, con concertos os tres días e máis grupos participantes que nunca. Porén, a festa non se concentra nun único espazo: a programación está deseñada para activar todos os escenarios e zonas do centro da vila —Campamento Galaico-Romano, Praza Maior, Parque do Toural, Casco Vello e máis— en diferentes horarios e con propostas variadas.

“Queremos que todo o mundo se sinta parte desta festa, sen prexuízos, sen complexos. Vístete de castrexo, vístete de romana, e intégrate na historia con nós. Non hai que ser recreador profesional para vivir o Esquecemento como un máis. A festa é de todas e todos”, convidou Marcos Argibay, presidente da A.C. Civitas Limicorum. “Esta edición é especial. Non só polo número de actividades ou o aniversario, senón polo que significa: volver mirar atrás para celebrarnos como comunidade, para reivindicar a nosa identidade e para compartir todo iso con quen nos visita”, engadiu.

A conta atrás xa comezou

A XXV Festa do Esquecemento celebrarase do 22 ao 24 de agosto de 2025, cun programa completo que está dispoñible en formato dixital na páxina web de Civitas Limicorum.

1000068355