Fontes e puntos de abastecemento de auga nos Blancos presentan valores non aptos para o consumo por contaminación
O MEL denuncia que ninguén está a informar á veciñanza, malia que as medicións oficiais aparecen mesmo na sentenza do TSXG sobre a contaminación das augas.
O Movemento Ecoloxista da Limia (MEL) advirte que a contaminación é persistente nas augas do encoro e no acuífero da Limia e en moitos dos puntos de abastecemento humano da chaira e en varios concellos lindeiros. As medicións -que o MEL leva a cabo como parte dunha Red cidadá de detección de augas contaminadas por nitratos de orixe agraria que a nivel do Estado coordina Greenpeace- seguen indicando valores por riba dos límites (50 mg/l. de nitratos) para auga de consumo humano.
A situación é especialmente grave no Concello dos Blancos, onde as concentracións en fontes pública e puntos de abastecemento chegan case até os 90 mg/l. segundo as medicións da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) o 25 de setembro de 2024, resultados que se citan na recente sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza.
Na páxina 37 do procedemento por vulneración de dereitos impulsado por veciños das Conchas, os maxistrados anotan os seguintes valores:
- Na fonte Vilar, xunto á Igrexa do Perpetuo Socorro, 69,3 mg/l.
- Na fonte da Rúa da Fonte, 42,9.
- Na fonte O Caño de Outeiro, agua arriba do lavadoiro, 80,7.
- Na agua de abastecemento na billa externa da Casa da Cultura, 82,2.
- E na agua de abastecemento dun domicilio privado próximo á Casa da Cultura, 81,9
Malia que en outono de 2024 a CHMS comunicou a Sanidade e ao Concello dos Blancos o alto nivel de nitratos até hoxe o goberno municipal dos Blancos non ten adoptado medida ningunha que coñezamos publicamente e que coñezan as veciñas e veciños.
En novas medicións realizadas polo MEL a finais de xuño pasado, nove meses despois das achegadas no xuízo pola CHMS, os valores son similares ou mesmo están por riba. Na aldea de Vilar, as augas das fontes superan o límite de consumo seguro. O mesmo acontece co abastecemento de auga potable no lugar de Envigo. No caño de Outeiro, a medición realizada polo MEL ofreceu unha concentración de 120 mg/l.
O Movemento Ecoloxista da Limia reclama á Consellería de Sanidade e a CHMS que fagan públicas as comunicacións que mantiveron entre ambas Administracións e co Concello dos Blancos alertando destes valores e o seguimento que fixeron en canto a adopción das medidas establecidas para estes casos.
O Movemento Ecoloxista da Limia considera que tanto o Concello dos Blancos como a Consellería de Sanidade e a CHMS deben informar publicamente e de maneira urxente á veciñanza dos Blancos afectada por esta contaminación das medidas que se van a tomar para garantir o abastecemento de auga potable limpa, segura e libre de microorganismos e sustancias químicas.
E lembra que é competencia dos concellos o abastecemento domiciliario de auga potable.
Durante unha nova toma de mostras a semana pasada no termo municipal dos Blancos, varias veciñas e veciños advertiron a membros do MEL que a orixe da contaminación das súas augas está nunha zona concreta na parte máis alta do concello “onde están a verter moitas cisternas”. O MEL apela á responsabilidade do alcalde para que se interese por esta cuestión e cumpra coa súa obriga e prohiba o abastecemento naqueles puntos que as medición oficiais o desaconsellen.
O caso dos niveis de contaminación rexistrados nos Blancos demostran que son necesarios moito máis puntos de toma de mostras, como vén reclamando o MEL nos últimos anos no Consello da auga. O control está moi concentrado na chaira da Limia, mais é insuficiente nos concellos de montaña. Mentres non se estableza un control exhaustivo en todos os concellos non coñeceremos a magnitude do problema da contaminación.