A praza de abastos de Xinzo recibe 100.000€ da Deputación para a súa reforma, entre outras axudas aos concellos
Destacan os 100.000 euros destinados á reforma da praza de abastos de Xinzo de limia e 70.000€ para cofinanciaro o convenio de humanización do núcleo de Santa Ana en Sandiás.
A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou hoxe a concesión de máis de 749.000 euros en subvencións destinadas a cooperación cos concellos e para colaborar con entidades empresariais, sociais, culturais e deportivas da provincia.
Na sesión semanal, presidida esta mañá pola vicepresidenta Marta Novoa, aprobouse a repartición de máis de 480.000 euros entre dez entidades locais ourensás para diversas obras, servizos e actividades, destacando neste capítulo os 100.000 euros destinados á reforma da praza de abastos de Xinzo de Limia. Tamén compre apuntar os 40.000 euros destinados ao GES de Laza no marco da estratexia do Goberno provincial de apoio aos servizos de emerxencias que cubren todo o territorio; e os 50.000 euros para o Conservatorio de Música do Barco de Valdeorras, tamén dentro dun plan de apoio aos cinco centros de formación musical existentes na provincia.
Entre as achegas concedidas a concellos figuran 48.000 euros a Castrelo de Miño para infraestruturas básicas en Astariz; 45.000 para melloras de eficiencia hidráulica na Mezquita; 25.000 para renovación de alumeado público en Padrenda; e 70.000 euros para cofinanciar o convenio de humanización do núcleo de Santa Ana en Sandiás.
Tamén foi aprobada unha achega de 60.000 euros para humanización de rúas en Vilamartín de Valdeorras; Bande recibirá dúas axudas para o acondicionamento exterior das fachadas do pavillón polideportivo, con algo máis de 5.000 euros, e para obras en beirarrúas por un valor próximo a 17.000 euros; e o Concello do Carballiño disporá de 20.000 euros para a Festa do Pulpo.
Colaboración con entidades empresariais
No apartado de colaboración con entidades, a Xunta de Goberno acordou conceder preto de 269.000 euros a un total de dezaseis entidades. Polo que se refire ao ámbito empresarial, a Asociación Provincial de Talleres de Reparación de Vehículos (ATAVE) terá 50.000 euros para gastos de funcionamento; coa mesma finalidade, a Área Industrial do Carballiño (AICA) recibirá 20.000 euros; idéntica cantidade que foi concedida á Asociación Círculo Jóvenes Empresarios de Ourense (AJE) para a realización de actividades. En concepto de apoio á ruta das Covas, a Asociación Ruta do Viño de Valdeorras contará con 30.000 euros;
O Colexio Oficial de Farmacéuticos de Ourense terá 20.000 euros para financiar o “Plan de apoio ás farmacias do rural”, mentres que a Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia disporá de case 10.000 euros para equipos de videoconferencias. No ámbito social, o Banco de Alimentos de Ourense recibirá 30.000 euros para gastos de funcionamento, o mesmo destino que a axuda de 2.000 euros concedida á Asociación Bearizense Daniel Prado Lamas de loita contra o cancro.
Axudas ao deporte
Tamén se aprobaron axudas para o deporte, entre as que figuran 18.000 euros o circuíto de Golf Ourense Termal do Montealegre Club de Golf; 12.000 para fomento deportivo na provincia por parte da Federación Galega de Hóckey; 18.000 para campionatos provincias da Federación Gallega de Atletismo; 10.000 para diversas probas organizadas pola Asociación Jockey Club Galicia; 8.000 euros para gastos de funcionamento do equipo de fútbol sala feminino Estrela Futsal de Cortegada; e a mesma contía para o Trail Ribeira Sacra do Grupo Cuevas Nogueira.
Música e certames de fotografía
En cultura, a Asociación Cultural Xingros recibirá 8.000 euros para o IX festival Hércules Brass de Celanova; e a Asociación O Potiños contará con 5.000 para o “Arenteiro Fotográfico” e outras actividades.