Os Socialistas de Xinzo esixen "Solucións Urxentes" de aparcamento na Avd. de Ourense durante as obras da N-525
Os socialistas rexistran unha moción para habilitar espazos de estacionamento alternativos que eviten molestias aos veciños directamente afectados polas obras.
O Grupo Municipal Socialista de Xinzo de Limia, que encabeza Elvira Lama Fernández, rexistrou unha moción a debater no vindeiro pleno para esixir ao goberno local “solucións urxentes” aos problemas de aparcamento que están a sufrir os residentes da avenida de Ourense desde o inicio das obras de Humanización da N-525. "É fundamental que o concello procure as maiores comodidades para os veciños afectados polas obras e tamén ordene o número de vehículos que hai nesta zona", sinalou a voceira socialista ao presentar a iniciativa.
As obras de Humanización da N-525, financiadas polo Estado central a través dos fondos NextGenerationEU cun orzamento de 3,9 millóns de euros, transformarán esta vía principal nun referente de modernidade e accesibilidade. O proxecto, que foi impulsado durante o mandato anterior de Elvira Lama como alcaldesa, contempla actuacións especialmente significativas no tramo dende a rotonda da avenida de Celanova ata a zona do Instituto de Ensino Secundario Cidade de Antioquía, onde están previstas dúas novas rotondas.
Porén, no tramo inicial cara Ourense hai unha gran concentración de vivendas cuxos moradores deixan habitualmente os vehículos aparcados en batería, sobre todo durante a noite. As obras provocaron que estes lugares estean inutilizados como estacionamento, obrigando aos propietarios a buscar alternativas a certa distancia do portal da súa casa.
"Non podemos permitir que os veciños sexan os grandes prexudicados dunhas obras que, sendo necesarias e positivas para o futuro de Xinzo, non foron planificadas coa debida previsión para minimizar as molestias á veciñanza", criticou Elvira Lama, que esixe ao goberno local maior diálogo e anticipación na resolución deste tipo de problemas.
Solucións concretas e viables
Na súa proposta o Grupo Municipal Socialista propón varias alternativas, tanto temporais como definitivas, para ver de atallar a problemática. Entre as opcións, barallan habilitar unha finca da marxe esquerda, a carón do edificio onde está o hipermercado chinés, para os residentes dos edificios contiguos. Tamén se propón como espazo alternativo un solar que fai esquina coas rúas Santa Mariña e Dr. Casto, propiedade da Consellería do Medio Rural, coa que se podería buscar un acordo de cesión temporal.
Amais de iniciar de inmediato as xestións para buscar solucións de estacionamento na avenida de Ourense mentres duren as obras, a moción socialista propón acordar cos propietarios dos terreos unha cesión temporal mediante contrato de arrendamento polo importe do IBI para habilitar espazos de aparcamento disuasorio e tramitar polo procedemento de urxencia unha partida orzamentaria para o acondicionamento dos predios á maior brevidade. "Reclamamos ao goberno local maior previsión e diálogo coa veciñanza para minimizar os trastornos derivados dos traballos de mellora urbana", subliñou Lama.
"Esperamos que o goberno actual amose a mesma sensibilidade coa veciñanza que nós tivemos cando impulsamos este proxecto de humanización, porque as obras son positivas pero os seus efectos colaterais deben ser minimizados ao máximo", concluíu a voceira socialista.