Compromiso pola tolerancia e o respecto

Compromiso pola tolerancia e o respecto

Fronte ó discurso do odio e a aporofobia

O 18 de xuño, Día Internacional para Contrarrestar o Discurso de Odio, as entidades que integramos EAPN Galicia aprobamos por unanimidade na Asemblea Xeral a declaración “Tolerancia e respecto. Fronte ao discurso do odio e a aporofobia”.

Nun escenario internacional cada vez máis polarizado, onde a desinformación e os prexuízos xeradores de discursos de odio están á orde do día, a desigualdade social e a pobreza segue a aumentar. Non é casualidade que as persoas máis vulnerables sexan as dianas desta corrente de odio que transcorre de maneira reiterada.

A normalización do discurso do odio e aporofobia que estamos percibindo as entidades do Terceiro Sector, alentan a nosa activación para unir forzas, tecer rede e seguir a defender os dereitos das persoas, ante a ameaza de seren vulnerados.

Malia que en Galicia non se deu cabida a formacións políticas que promovan discursos de odio nin no noso Parlamento nin nos nosos concellos ou deputacións, estamos a ver cada vez máis situacións discriminatorias, por mor da proliferación destes discursos que están a calar en parte da sociedade.

Esta declaración é unha chamada á responsabilidade colectiva para garantir os dereitos fundamentais de todas as persoas, especialmente das que se atopan en situación de maior vulnerabilidade.

Convidamos a todas as organizacións da sociedade civil galega, en especial ás do Terceiro Sector e do resto de familias da economía social e solidaria a asumir esta declaración e a sumar esforzos para construír unha sociedade máis xusta, inclusiva e libre de odio.

Reiteramos o establecido na Declaración Institucional do Parlamento de Galicia, aprobada por unanimidade nesa cámara o 20 de outubro do 2020:

As persoas non son culpables da súa pobreza.
• Ninguén é culpable do seu sufrimento.
• Ningunha persoa é inútil.

As persoas que sofren e denuncian esas e outras moitas mentiras ou as que afirman que “o máis perigoso dos prexuízos é cando ti mesmo os cres” non están soas.

Os poderes públicos teñen a responsabilidade de garantir as medidas necesarias para reducir as desigualdades sociais, combater a discriminación e favorecer o respecto, a tolerancia e a participación activa de todas as persoas.

As organizacións do Terceiro Sector de Acción Social compartimos este deber, á vez que reclamamos que a asuman as forzas políticas e institucións públicas sen ningún tipo de vacilación ou dúbida.

Comprometémonos a difundir e poñer o foco nas experiencias positivas e nos exemplos maioritarios de convivencia normalizada, loitando contra a desinformación e evitando a instrumentalización ou as visións terxiversadas das persoas que viven en situación de exclusión social.

Tal e como se establece no Código de conduta na comunicación da pobreza e a exclusión social, respectaremos en todo momento a súa dignidade e dereito á intimidade e á propia imaxe, evitando visións nesgadas, parciais, morbosas, sensacionalistas ou que apelen á culpa ou a unha falsa incapacidade para decidir por si mesmas.

Enlace á Declaración:

https://forms.office.com/pages/responsepage.aspx?id=r8_mXw4oj0KNCyf5EYBh1khx6XvhlJZAklQVbWrZF8dUMUlQSDlQOEpPNEtCRkZJMUtIMkc5UjlMOS4u&route=shorturl