O BNG reclama á Xunta melloras urxentes na atención de pediatría para a comarca da Baixa Limia

O BNG reclama á Xunta melloras urxentes na atención de pediatría para a comarca da Baixa Limia

Iago Tabarés “Dende o BNG levamos meses reclamando á Xunta que mellore a atención pediátrica na Baixa Limia, pero non fixo nada; as familias teñen que percorrer máis de 100 km para recibir este servizo tan necesario”

O deputado do BNG no Parlamento de Galiza, Iago Tabarés, e Ernesta Seoane, Responsábel Comarcal do BNG da Baixa Limia e Terras de Celanova, visitaron hoxe o centro de saúde de Bande para comprobar de primeira man a situación da atención pediátrica na Baixa Limia. A comarca, que só conta cun día á semana deste servizo para todos os concellos, queda completamente desatendida en períodos de vacacións, baixas médicas ou ausencias do persoal.

Durante a visita, Ernesta Seoane puxo de manifesto a gran cantidade de queixas que lle trasladan nais e pais para ter un servizo de pediatría digno, tanto para o concello de Bande como o resto de concellos da Baixa Limia, que comprende cinco concellos: Muíños, Lobeira, Entrimo, Lobios e Bande.

Tabarés subliñou que esta problemática non é nova e que o BNG leva meses reclamando solucións no Parlamento de Galiza: “Dende o Bloque Nacionalista Galego rexistramos hai tempo unha solicitude dirixida á Xunta para que mellore o servizo de asistencia pediátrica a toda a Baixa Limia. E non atendeu nada. Un ano máis, como outros tantos, resulta que toda a cidadanía non só de Bande, senón de toda a comarca, vese sen servizo de pediatría, tendo que percorrer, en algúns casos, máis de 100 km para poder recibir esta asistencia médica tan necesaria para as crianzas”.

O deputado nacionalista destacou tamén que a proposta do BNG é clara: “Insistimos e reiteramos á Xunta de Galiza que mellore este servizo de pediatría, non só cun día á semana, senón con varios días, para que as familias poidan ser atendidas cando o precisen. E, sobre todo, que se cubran as baixas médicas, as vacacións e calquera ausencia de persoal”.

As familias corroboran esta situación con testemuñas en primeira persoa. Un pai afectado sinalou que hoxe mesmo, o único día da semana no que debería haber pediatra, non se prestou o servizo: “Estamos aquí no Centro Médico de Bande, que é o PAC de toda a Baixa Limia, e tiña que haber unha pediatra, pero non está porque colle vacacións. Así, todo o mes de agosto, cando colle vacacións, queda sen servizo de pediatría toda a comarca, incluíndo os concellos máis afastados, que inda teñen que ir até Celanova”.

O mesmo pai engadiu que a falta de pediatras non se limita ao verán, senón que é un problema constante: “O resto do ano tampouco hai pediatra luns, martes, xoves ou venres. Só vén o mércores. Non entendo por que eu, que teño un fillo, como moita máis xente, teño que vir especificamente ese día.  Se o neno se pon malo outro día, non hai pediatra de garda. Debería haber unha discriminación positiva co rural. Se se poden gastar tres millóns de euros en festivais, é moito máis importante garantir pediatras que dean servizo a cinco concellos, como é a Baixa Limia”.

A visita serviu para visibilizar unha realidade que afecta directamente á saúde das crianzas e que, segundo o BNG, require unha resposta inmediata por parte da Xunta de Galiza.