As Xornadas de Folclore celebran a 40 edición cunha mostra dos carteis anunciadores deseñados por artistas referentes

As Xornadas de Folclore celebran a 40 edición cunha mostra dos carteis anunciadores deseñados por artistas referentes

Os carteis de artistas coma Virxilio, Alexandro ou Vidal Souto exhibiranse durante meses en varios concellos

As Xornadas de Folclore da Deputación de Ourense, que acadan a súa edición número 40, conmemoran este aniversario cunha exposición itinerante polos concellos da provincia. Trátase dunha mostra da cartelería anunciadora de todas as edicións deste evento cultural de referencia en Ourense e en Galicia, que xa está listo para dar comezo o próximo luns 11 de agosto.

Esta exposición, concibida como unha actividade complementaria do festival, comezou xa no Concello de Celanova e continúa agora na Casa de Cultura de Allariz, onde poderá visitarse ata o 18 de agosto. O percorrido continuará en Carballiño ata final de mes e en Xinzo e Ribadavia durante setembro. A previsión é que nos meses sucesivos se exhiba en máis municipios ourensás.

Exposiciu00f3n en Allariz 2

Os carteis son obra de diferentes artistas da nosa provincia, como Virxilio, autor do primeiro cartel en 1984, que chegou a repetir noutras edicións. Outros pintores como Vidal Souto, Alexandro ou Juan Valcárcel, entre outros artistas de referencia, tamén participaron con creacións exclusivas nas que amosaban a súa visión do festival de folclore que durante estes días de agosto percorre a provincia.

A fotografía foi outro medio empregado para a creación destas obras coa participación de artistas como Simón Balvís, Doniz, Álvaro Vaquero ou Jorge Martínez.

Tradición, baile e música por todo Ourense

Do 11 de agosto ao 21 de agosto, 187 artistas de seis grupos folclóricos actuarán en Allariz, A Rúa, Bande, O Barco, Carballiño, Castro Caldelas, Celanova, Entrimo, Maceda, Manzaneda, Ribadavia, Trives, Verín, Viana e Xinzo, ademais da capital.

Agrupacións folclóricas de Arxentina, Chile, Filipinas, Irlanda do Norte, Ucraína e Xeorxia percorrerán 16 concellos nesta edición dun evento consolidado no panorama cultural, que organiza a Deputación de Ourense, a través do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta e dos diferentes concellos que acollen este evento.

Exposiciu00f3n en Allariz 3