​O Concello de Xinzo organiza o BRAVAS Festival, un evento pioneiro de música electrónica con DJs femininas

​O Concello de Xinzo organiza o BRAVAS Festival, un evento pioneiro de música electrónica con DJs femininas

Este sábado, 9 de agosto na Alameda do Toural.

O Concello de Xinzo de Limia, a través da Concellería de Festexos e Xuventude, presenta o BRAVAS Festival, un evento musical que terá lugar o sábado 9 de agosto na Alameda do Toural. O festival reunirá a cinco DJs mulleres nun escenario 360º, cun formato innovador e acceso libre para todo o público.

As protagonistas do cartel son Shivas, La Vera Notte, Irene Castro, Eyra e Iria, cinco artistas galegas cun estilo propio e presenza destacada nos circuítos electrónicos.

O festival desenvolverase dende as 20:00 horas ata as 03:00 da madrugada, con produción técnica e visual a cargo de Lethx Sound Collective e animación final da man de Apocalipsis On Tour.

Esta proposta busca visibilizar o talento feminino no ámbito da música electrónica e ofrecer á mocidade unha alternativa cultural e lúdica de calidade durante o verán. O acceso é gratuíto e está aberto a toda a veciñanza e visitantes.