Comezan as obras do novo aparcadoiro gratuíto no barrio do Polígono, con 98 prazas para vehículos e 6 para motos
O novo espazo situarase entre as rúas Río Sil, Río Arnoia e Río Arenteiro, a escasos metros da rúa Dous de Maio
O Concello de Xinzo de Limia vén de iniciar as obras dun novo aparcadoiro público e gratuíto no barrio do Polígono, no marco do plan de mobilidade urbana “Xinzo Paso a Paso”. O obxectivo é mellorar o acceso aos servizos e á actividade comercial desta zona da vila, gañando espazo útil para o estacionamento sen custo para a veciñanza.
O novo espazo situarase entre as rúas Río Sil, Río Arnoia e Río Arenteiro, a escasos metros da rúa Dous de Maio, recentemente renovada cun investimento de 205.000 euros, e da tamén renovada Río Arnoia. Terá unha superficie de 2.700 m², con 98 prazas para vehículos, 6 prazas para motos, firme asfaltado, sistema de alumeado público, rede de sumidoiros e varios accesos.
Dará servizo á zona comercial de Dous de Maio, á rúa A Ladeira, á praza de abastos, ao centro de saúde, ao xulgadoe a numerosos negocios locais.
O investimento total ascende a 48.141,62 € (IVE incluído) e será financiado integramente con fondos propios municipais. Esta actuación súmase á renovación da rúa Río Arnoia, que se atopa xa asfaltada, pendente das tarefas de pintado e instalación de pasos de peóns elevados.