Xinzo aposta polas novas tecnoloxías para mellorar a seguridade e a mobilidade
Nos próximos meses, a posta en marcha do Plan GeoCercas reforzará a 𝐬𝐞𝐠𝐮𝐫𝐢𝐝𝐚𝐝𝐞 𝐯𝐢𝐚𝐫𝐢𝐚 𝐞 𝐨 𝐜𝐨𝐧𝐭𝐫𝐨𝐥 𝐢𝐧𝐭𝐞𝐥𝐢𝐱𝐞𝐧𝐭𝐞 𝐝𝐨 𝐭𝐫𝐚́𝐟𝐢𝐜𝐨, dentro da estratexia municipal Xinzo Paso a Paso.
O Concello de Xinzo de Limia segue dando pasos firmes para facer da vila un lugar máis seguro, ordenado e cómodo para vivir. A modernización dos sistemas de control e vixilancia está permitindo actuar con maior rapidez, eficacia e igualdade de trato, grazas á incorporación de ferramentas automáticas que melloran o traballo diario da Policía Local.
A recente colaboración coa Garda Civil, que permitiu deter a un home investigado por subtracción de combustible en vehículos en varias comarcas, é un exemplo claro de como estes medios contribúen a protexer á veciñanza e a manter un entorno máis seguro.
O concelleiro de Obras e Mobilidade, Ramón Gómez, destacou que “o noso obxectivo é mellorar a convivencia, facilitar os desprazamentos e protexer ás persoas. Estes sistemas non se instalan para sancionar, senón para previr e resolver problemas, sempre pensando no interese xeral”.
Pola súa parte, o inspector xefe da Policía Local, José Manuel Estévez, subliñou que “a automatización garante un control obxectivo e permite intervir de forma inmediata cando é necesario, coordinándonos con outros corpos para dar unha resposta máis áxil e eficaz”.
Esta aposta pola innovación continuará nos próximos meses coa posta en marcha do Plan GeoCercas, que permitirá un control intelixente do tráfico e reforzará a seguridade viaria, dentro da estratexia municipal Xinzo Paso a Paso.