​O Forum Limicorum Literario traerá a Xinzo a presentación de Breo. O celta que desafiou a Roma, de Francisco Narla

​O Forum Limicorum Literario traerá a Xinzo a presentación de Breo. O celta que desafiou a Roma, de Francisco Narla

A Asociación Cultural Civitas Limicorum continúa co calendario especial do Annus Argenteus, con motivo do 25 aniversario da Festa do Esquecemento, e faino cunha cita literaria de primeiro nivel.

O sábado 16 de agosto, ás 20:00 horas, a praza San Roque converterase nun escenario aberto para acoller o Forum Limicorum Literario, un encontro cultural gratuíto que traerá a Xinzo de Limia ao escritor Francisco Narla, unha das voces máis recoñecidas da novela histórica galega.

Nesta ocasión, Narla presentará a súa obra Breo. O celta que desafiou a Roma, un relato que mergulla ao lector nas loitas, costumes e desafíos do mundo galaico-romano. O acto incluirá presentación, coloquio co público e sinatura de exemplares, converténdose nunha oportunidade única para conversar co autor e coñecer de preto o proceso creativo dunha novela que une historia e ficción.

Paralelamente, e na mesma rúa San Roque, abrirase unha tenda temporal con roupa e complementos de época galaica e romana, pensada para que quen o desexe poida facerse cun traxe ou detalle de última hora, de cara á inminente XXV Festa do Esquecemento, que terá lugar os días 22, 23 e 24 de agosto. A inauguración desta tenda coincidirá co inicio do acto e, como parte da celebración, ofrecerase un pequeno ágape ás persoas asistentes.

Os distintos Forum Limicorum naceron para poñer en valor a cultura como parte esencial da identidade da Festa do Esquecemento e, neste caso, como antesala perfecta para unha edición que se prevé máis especial ca nunca.