A Deputación destina todos os seus medios materiais e humanos á colaboración coa Xunta de Galicia e o Estado na extinción dos lumes forestais

A Deputación destina todos os seus medios materiais e humanos á colaboración coa Xunta de Galicia e o Estado na extinción dos lumes forestais

O xefe de Emerxencias da institución provincial, José Ramón Sánchez Feijóo, particpou esta mañá na reunión do Centro de Coordinación Operativa, recalcando que " a totalidade dos efectivos dispoñibles nos parques comarcais dependentes da Deputación están a pleno rendemento".

A Deputación ten mobilizados todos os seus medios materiais e humanos de emerxencias para colaborar coa Xunta de Galicia e co Estado na loita contra os lumes forestais que están a asolar a provincia. Así o puxo de manifesto o xefe de Emerxencias da institución provincial, José Ramón Sánchez Feijóo, logo da reunión celebrada no Centro de Coordinación Operativa (CECOP).

Así, os efectivos e medios materiais dos parques de bombeiros do polígono industrial de San Cibrao das Viñas, Xinzo, Verín, Valdeorras e O Carballiño están actualmente despregados por todos os puntos nos que hai lumes, entre eles Maceda e Chandrexa de Queixa declarados en situación 2 por atoparse preto de vivendas.

Ademais dos vehículos dos diferentes parques mobilizados, tamén se activou unha nodriza para facilitar a carga de auga os vehículos que traballan no incendio de Maceda. Do mesmo xeito, os medios provinciais están actuando en focos activos (Calveliño e Santiso, en Maceda; así como en A Mezquita), así como en alerta e servindo de apoio en lugares como Verín ou Carballiño.

“Desde a Deputación estamos en contacto permanente co CECOP e con todos os medios dispoñibles para colaborar e actuar en todos cantos lugares se nos requira”, sinala Sánchez Feijóo.