Medio Rural garantirá o alimento para os animais das explotacións gandeiras afectadas polos incendios
Esta acción en colaboración cos concellos e asociacións de gandeiros quere dar unha resposta áxil e eficaz ás necesidades do sector.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, achegouse na tarde de onte ata A Pobra de Trives para recibir a un dos primeiros camións do operativo de emerxencia que se vén de activar para garantir a subministración inmediata de alimento para os animais das explotacións gandeiras afectadas polos incendios forestais rexistrados estes días en distintas zonas da provincia de Ourense.
Esta actuación estase a desenvolver, dende o día de hoxe, en coordinación cos concellos e asociacións de gandeiros, co obxectivo de dar unha resposta áxil e eficaz ás necesidades do sector. Esta medida vaise a realizar a través dunha contratación de emerxencia coa empresa pública TRAGSA, xunto con distintas entidades do sector.
A Xunta asumirá na súa totalidade os custos derivados desta medida como son o propio alimento, o transporte e a distribución da comida, reafirmando así ou seu compromiso co benestar animal e co apoio ás explotacións do noso rural galego nesta situación de emerxencia.