Dúas exposicións conxuntas levan a historia da Festa do Esquecemento á hostalería de Xinzo
50 pezas que percorreran a historia do Esquecemento.
A XXV Festa do Esquecemento arrinca cunha homenaxe visual que percorre un cuarto de século de historia. As exposicións “Os 25 carteis do Esquecemento” e “25 anos en imaxes” reúnen, en total, 50 pezas que estarán espalladas por máis de vinte locais da hostalería de Xinzo, situados na rúa dos Viños, Praza Maior, contorna do Parque do Toural e espazos próximos.
A partir do 15 de agosto, e ata o día 25, quen se achegue a estes establecementos poderá gozar dunha mostra única que convida a viaxar no tempo, redescubrindo os momentos, símbolos e imaxes que marcaron a evolución desta cita histórica.
Desde a organización, a A.C. Civitas Limicorum subliñan que “lembrar de onde vimos é a mellor maneira de saber cara onde imos”. Trátase dun acto de respecto, de memoria e de posta en valor de todo o camiño percorrido ata chegar a este aniversario tan especial, que non sería posible sen o esforzo compartido de veciñanza, participantes e entidades colaboradoras.
Estas dúas mostras forman parte da programación previa da festa e engaden, en clave de memoria, o contexto histórico e colectivo que fai do Esquecemento un acontecemento único en Galicia. Un convite a sentir, revivir e celebrar a nosa historia antes de que a vila se encha de recreación, música e convivencia.