A A.C. Civitas Limicorum destinará os fondos do merchandising da XXV Festa do Esquecemento á reconstrución das zonas afectadas polos lumes na Limia e na provincia de Ourense

A A.C. Civitas Limicorum destinará os fondos do merchandising da XXV Festa do Esquecemento á reconstrución das zonas afectadas polos lumes na Limia e na provincia de Ourense

A organización introducirá medidas extraordinarias de prevención

A Asociación Cultural Civitas Limicorum quere sumarse ao movemento solidario que está a medrar en toda Galicia tras a vaga de incendios forestais que, nos últimos días, arrasou milleiros de hectáreas e deixou unha fonda pegada na comarca da Limia e no conxunto da provincia de Ourense. Os danos naturais, materiais e emocionais son enormes, e a nosa responsabilidade como entidade cultural e social é tamén estar presentes neste momento de dificultade.

Por este motivo, a Xunta Directiva da asociación decidiu que a recadación obtida a través da venda de merchandising oficial da XXV Festa do Esquecemento será destinada a apoiar a reconstrución das zonas afectadas polos lumes. O Esquecemento é memoria, pero tamén compromiso co presente e co futuro, e nesta edición tan especial do 25º aniversario queremos que cada paso que demos teña tamén un impacto positivo na vida da nosa xente.

Cada artigo adquirido no posto oficial de merchandising converterase, deste xeito, nun xesto colectivo de solidariedade coa comarca e coa provincia. Os fondos serán ingresados directamente no número de conta habilitado polo Concello de Cualedro para esta fin, un concello irmán que tamén conta con participantes na nosa festa e que simboliza o esforzo común por recuperar a vida e a esperanza despois do lume.

Axustes na programación e reforzo da seguridade

En sinal de respecto e acompañamento ás persoas e lugares afectados, a organización introducirá medidas extraordinarias de prevención:

  • Desfile do venres á noite: o tradicional percorrido con arredor de 400 fachos celebrarase sen prender os fachos, como mostra de loito pola nosa terra e de apoio ás veciñas e veciños da comarca.
  • Lume Sagrado: o Lume Sagrado, símbolo da Festa do Esquecemento, estará apagado durante toda a celebración do evento, por primeira vez na súa historia.
  • Plan de autoprotección reforzado: disporanse máis de 20 extintores nas zonas de maior actividade (campamento e puntos estratéxicos da recreación).
  • Abastecemento de auga: incrementouse nun 30% o número de puntos de auga no campamento.
  • Coordinación operativa: a organización traballará en coordinación coa Policía LocalProtección Civil e servizos de emerxencia, extremando todas as medidas preventivas (como sempre se fixo, e agora cun nivel extra de vixilancia).

A Festa do Esquecemento é un orgullo colectivo e unha responsabilidade compartida. Este 25º aniversario celebrarase con emoción, coidado e sentido. Convidamos á cidadanía, participantes e visitantes a sumar: gozando da programación con responsabilidade e colaborando co merchandising solidario que fará posible que a cultura tamén cure, reconstrúa e dea esperanza.