O campamento da Festa do Esquecemento ultima detalles para a edición máis segura e ambiciosa da súa historia
Esta edición especial, que conmemora os 25 anos de traxectoria, contará con máis de 50 actividades gratuítas
O alcalde de Xinzo de Limia, Amador Díaz, acompañado polo presidente da A.C. Civitas Limicorum, Marcos Argibay, e outros membros da Corporación Local e da Asociación, visitou hoxe o campamento de recreación histórica galaico-romano para coñecer de primeira man os traballos finais previos á XXV Festa do Esquecemento, que se celebrará os días 22, 23 e 24 de agosto.
Esta edición especial, que conmemora os 25 anos de traxectoria, contará con máis de 50 actividades gratuítas repartidas por todo o centro da vila: campamento, praza Maior, parque do Toural, casco vello e outros espazos que se encherán de vida durante a fin de semana.
O Gran Circo Romano, prato forte da programación
Un dos grandes atractivos será o regreso do Gran Circo Romano, que se desenvolverá o sábado pola tarde sobre un terreo de 1.500 metros cadrados de area. Nel recrearanse carreiras de cuadrigas, combates de gladiadores e diferentes espectáculos, con gradas habilitadas para o público, que terá preferencia se acode vestido de época.
A música, os desfiles, as teatralizacións, as animacións de rúa e a participación de numerosos grupos de recreación histórica completarán unha programación deseñada para atraer tanto á veciñanza como a visitantes de toda Galicia e do norte de Portugal.
A festa máis segura e mellor preparada
O Concello de Xinzo de Limia subliña que esta será tamén a edición con máis medios de seguridade e prevención da historia da festa.
Reforzáronse a coordinación e os dispositivos de resposta ante calquera incidencia, cun maior número de puntos de auga, máis extintores instalados en zonas clave, e un incremento de persoal de seguridade, presenza de ambulancia e furgoneta violeta. Ademais, conta co apoio da Policía Local, da Garda Civil e de Protección Civil, garantindo que o evento se desenvolva nun marco de tranquilidade e confianza para todas e todos.
O alcalde Amador Díaz destacou que “o Esquecemento é a festa máis importante de Xinzo e unha das máis recoñecidas de Galicia no ámbito da recreación histórica. Para nós é unha prioridade que a veciñanza e as persoas que nos visiten poidan gozar da programación con todas as garantías, por iso este ano demos un paso máis para facer da prevención e a seguridade un piar central da organización”.
Tamén puxo en valor a solidariedade que caracteriza á festa, lembrando que se destinarán os fondos recadados coa venda de merchandising para apoiar aos territorios afectados polos incendios forestais nas últimas datas: “O Esquecemento non é só cultura e recreación, tamén é compromiso social. Somos unha comunidade que celebra o pasado, pero que non dá as costas ao presente nin ás persoas que máis o precisan”.