A forza da comunidade organizada
Traballando así... mesmo cansarnos, a veces, é un descanso.
A paisaxe que queda tras os lumes é desoladora, marcada pola cinsa e o silencio. É triste, penoso, ver a nosa terra así, queimada, espida, ferida.
Estes días vivimos unha das caras máis duras do verán, cos lumes que deixaron unha fonda pegada na paisaxe e tamén na xente. Sendo que vivimos en harmonía co medio, vinculados coa contorna na que todo nos fala, que estamos onde temos que estar e somos quen temos que ser... esta sensación de pertenza que tanto nos alimenta, tamén nos fai aínda máis vulnerables.
Dende o Servizo de Xantar no Fogar que repartimos todos os días polos distintos domicilios da comarca estivemos acompañando o reparto en Cualedro, Vilar de Lebres... Malia todo, conseguimos chegar ás casas sen complicacións, e alí conversamos, preguntamos e escoitamos como se sentían as persoas, compartindo coas familias o que estaban a vivir.
A veciñanza contounos que pasaron moitos nervios e que non lembraban nada semellante en 50 anos: "Estabamos rodeados, miraras cara onde miraras víase lume".
Tamén lembraban como era antes: “Igual tiñamos lume, si, pero no monte había moita facenda, que axudaba a telo limpo”.
O que máis axudou foi que en agosto os pobos están máis cheos, con máis xente e máis compañía. Ese apoio mutuo serviu para afrontar mellor a angustia.
Tendo claro o dereito a indignarnos e que o dó (duelo) é unha maneira de honrar o que apreciamos non queremos recrearnos máis do necesario no negativo porque iso xa limita que a nosa imaxinación traballe en horizontes de mellora. Fronte ó costume de cansarnos queixándonos, que o que fai é normalizar a degradación, a opción é una vez máis (sabemos ben o que é volver a empezar, a humildade como oportunidade) actuar con decencia e difundir esa decencia; o coidado polas cousas ben feitas; a austeridade, ter consciencia da escaseza. Sabemos que traballando así... mesmo cansarnos, a veces, é un descanso.
Esta actividade forma parte do programa Servizos de Proximidade, financiado pola Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, dentro da subvención para a implantación de programas de interese social con cargo á asignación fiscal do 0,7% do IRPF.