O Goberno impulsa o autoconsumo enerxético en Vilar de Barrio, Sarreaus e 6 novas comunidades enerxéticas locais.

O Goberno impulsa o autoconsumo enerxético en Vilar de Barrio, Sarreaus e 6 novas comunidades enerxéticas locais.

Os fondos permitirán a posta en marcha de cinco comunidades enerxéticas en Vilar de Barrio (Ourense); unha en Sarreaus (Ourense); unha en Valdoviño (A Coruña) e outra en Vigo

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, destacou hoxe o impulso do Goberno ao autoconsumo enerxético na Comunidade coa concesión de 20,7 millóns de euros para a posta en marcha de oito novas comunidades enerxéticas locais.

Pedro Blanco deu conta da resolución da última convocatoria do Programa CE Implementa para a creación deste tipo de entidades comunitarias, na que Galicia ten un papel protagonista ao acaparar o 53% dos fondos concedidos en toda España“amosando que cada vez máis galegos e galegas queren participar do proceso de transición enerxética que impulsa este Goberno aproveitando as distintas liñas de axudas que ofrece”.

Este programa atende ao interese cidadán por participar na transición enerxética con novas fórmulas de produción e autoconsumo de enerxía limpa.

A súa xestión é responsabilidade do Instituto para a Diversificación e o Aforro da Enerxía (IDAE), dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO).

No caso de Galicia, informou Pedro Blanco, esta convocatoria financiará a constitución de cinco comunidades enerxéticas no Concello de Vilar de Barrio (Ourense), que aproveitarán a enerxía solar mediante instalacións fotovoltaicas en terreos de seis comunidades de montes veciñais deste Concello. Nesta mesma provincia, impulsarase unha comunidade similar no Concello de Sarreaus. A estas seis comunidades súmase o proxecto Valdorenova, en Valdoviño (A Coruña) e o proxecto de PTL Vigo, que conta coa participación do Consorcio da Zona Franca de Vigo.

Captura de pantalla (44)


Proxectos a nivel nacional

A nivel nacional, o IDAE adxudicou nesta convocatoria 35,6 millóns de euros en 27 iniciativas pioneiras, con máis de 98.000 persoas beneficiarias. A maior porcentaxe de expedientes céntrase na instalación de enerxías renovables –principalmente fotovoltaica–, seguidas de propostas de mobilidade e de xestión da demanda.

Os proxectos beneficiarios implican a instalación de nova potencia de xeración renovable: 68 MW de enerxía eléctrica –case todo fotovoltaica– e 1,3 MW de térmica. Tamén sumarán 56.057 kWh de almacenamento e 57 novos puntos de recarga de vehículos eléctricos.

As comunidades enerxéticas constitúense para facilitar que os consumidores se involucren no funcionamento do sistema enerxético e mellorar a xestión da enerxía mediante unha gobernanza participativa, aberta e voluntaria dos seus membros. As persoas que forman parte delas son produtoras e consumidoras da súa propia enerxía limpa, o que redunda nunha maior democratización do sistema enerxético e un importante aforro económico para o consumidor final.