O Pleno da Deputación propón a creación dunha mesa de traballo para a análise de melloras para a provincia tralos incendios forestais
No Pleno provincial celebrado hoxe no Pazo Provincial con carácter “extraordinario urxente”, mantívose un debate sobre a situación dos lumes na provincia no que os diferentes partidos políticos achegaron a súa visión e propostas ante esta emerxencia
O pleno da Deputación de Ourense celebrado hoxe con carácter de “extraordinario urxente”, propuxo, no marco do debate político sobre a situación dos lumes na provincia, a creación a curto prazo dunha mesa de traballo que permita realizar unha análise exhaustiva do acontecido e elevar as propostas que se consideren necesarias aos órganos correspondentes para colaborar desde a Deputación aló onde non cheguen as outras administracións.
Na súa intervención, o presidente provincial manifestou o seu máximo compromiso para traballar, desde as posibilidades que ten a Deputación, na reconstrución e mellora da provincia. Para elo, solicitou que o Goberno Central active os investimentos sostibles para que esta institución poida empregar o seu remanente de tesourería, xa que se trata dun paso imprescindible para poder axudar aos municipios afectados. De feito, a propia interventora da institución explicou as dificultades técnicas que presenta a lexislación actual para poder executar ditas axudas.
No Pleno, tamén se deu conta do labor realizado pola Deputación de Ourense durante a extinción de incendios formando parte do CECOP desde o primeiro momento. Ademais, desde o Consorcio Provincial de Incendios e Salvamento (CIS), chegaron a mobilizarse ata 65 efectivos, con bombeiros que mesmo renunciaron as súas vacacións.
Tamén se organizou o aloxamento e manutención de brigadas procedentes de Málaga, Cádiz, A Coruña, Lugo e Madrid (Bomberos Unidos sin Fronteras), mentres que o parque de bombeiros de San Cibrao reforzou operativos día a día.
O parque de maquinaria da Deputación tamén puxo persoal e máquinas a disposición das necesidades que había e en coordinación co CECOP para abrir pistas e limpar accesos, facilitando a entrada dos equipos de extinción.
Así mesmo, desde a Deputación tamén se colaboraron na prestación doutros servizos como foi habilitar fontes portátiles, a través de AquaOurense, na comarca de Valdeorras para garantir o acceso á auga tralos cortes provocados polos lumes, así como o traslado de comida a animais nas zonas afectadas polos incendios forestais.
Outras iniciativas
Por outra banda, o Pleno provincial aprobou tres iniciativas relacionadas coa delegación de competencias de recadación de multas de tráfico do Concello de Allariz, así como o inicio dun expediente expropiatorio para unha residencia de maiores en Castrelo de Miño e unha modificación de crédito para a concesión dun suplemento de crédito para a convocatoria de axudas de concesión de libros.
Concesión de axudas para libros
Nos asuntos do día, aprobouse a concesión dun suplemento de crédito financiado pola baixa por anulación dun crédito orzamentario, polo importe total de 350.000,00 euros, necesario para a correcta aprobación das Bases e convocatoria para a concesión de axudas en especie para adquisición de libros destinadas a persoas menores de idade empadroadas na provincia de Ourense. Esta redución non perturba a execución do propio servizo. Deste xeito, o modo de xestión da subvención en especie realizarase a través de establecementos colaboradores , e que serán estes os que remitan a Deputación as correspondentes facturas, acompañada do listaxe de libros vendidos, e non directamente aos beneficiarios finais do obxecto da subvención, é necesario o cambio de aplicación orzamentaria para a correcta execución por parte da Deputación.
Esta modificación xustifícase na conveniencia para poder acadar o maior número de beneficiarios de dita subvención en especie, especialmente no rural, sendo o máis axeitado o procedemento para a adquisición dos libros a través de establecementos comerciais colaboradores e non directamente aos beneficiarios finais da subvención.
Convenio expropiatorio
Por outra banda, na sesión plenaria aprobouse por unanimade a sinatura don convenio expropiatorio de terreos co Concello de Castrelo de Miño para a execución do proxecto de residencia de maiores en Vide (Puxeiros). Deste xeito, a corporación aprobou requirir ao citado municipio que asuma as obrigas económicas derivadas da tramitación do citado expediente. A motivación vén dada da necesidade de dotar a Castrelo de Miño dun centro residencial para persoas maiores con dependencia, con capacidade para 47 prazas. Para a execución da obra, é imprescindible legalmente dispoñer da totalidade dos terreos, polo que se esixe a tramitación dun procedemento de expropiación forzosa, ao ser as parcelas afectadas de titularidade privada.
A continuación, o pleno tamén deu luz verde á delegación de competencia na Deputación, formulada polo Concello de Castrelo de Miño, para a tramitación do expediente expropiatorio necesario para a execución do proxecto da residencia.
A corporación tamén aprobou delegar na Deputación a competencia do Concello de Allariz en recadación en período voluntario e executivo das multas por infraccións de tráfico.
Toma de posesión de deputados provinciais
No marco deste Pleno tamén tomaron posesión dous novos deputados provinciais do Grupo Socialista en substitución de Elvira Lama e Aurentino Alonso que son: Sherezade Núñez Rodríguez e Xosé Carlos Valcárcel Doval.
--