• Ábrese agora un período de adaptación no que a veciñanza poderá rexistrar as súas matrículas no Concello para evitar sancións automáticas.

​Xinzo instala as cámaras de control de tráfico no centro histórico para avanzar no plan “Xinzo Paso a Paso”

​Xinzo instala as cámaras de control de tráfico no centro histórico para avanzar no plan “Xinzo Paso a Paso”

• As novas cámaras xa están instaladas en seis rúas: Santa Mariña, Lepanto, Jesús Carlos Romero Nieto, Otero Pedraio, Dous de Maio e San Roque.

O Concello de Xinzo de Limia deu hoxe un novo paso na implantación do plan de mobilidade “Xinzo Paso a Paso” coa instalación das cámaras de control de tráfico previstas para o centro histórico. Os dispositivos xa están en funcionamento nas rúas Santa Mariña, Lepanto, Jesús Carlos Romero Nieto, Otero Pedraio, Dous de Maio e San Roque, reforzando así a aposta pola peonalización integral do casco histórico.

Captura de pantalla (47)

A partir de agora ábrese un período de adaptación, no que as persoas que precisen acceder en vehículo ao casco histórico deberán acreditar a súa condición (vivenda, garaxe, negocio, traballo, etc.) e rexistrar a matrícula no Concello. O obxectivo é garantir que residentes, profesionais e repartidores dispoñan das autorizacións necesarias, evitando sancións automáticas.

O concelleiro de Obras e Mobilidade, Ramón Gómez, destacou que se trata dun avance clave dentro do plan de reorganización da mobilidade: “con esta medida non buscamos sancionar, senón ordenar, humanizar e obxectivar o tráfico no centro histórico. Xinzo está a recuperar espazo para as persoas, cun modelo de mobilidade sostible e seguro. As cámaras permitirán garantir o cumprimento das normas de acceso, ao tempo que se preserva a identidade e a tranquilidade do noso casco antigo sen bolardos nin barreiras físicas.

O sistema aplicará sancións automáticas só aos vehículos non autorizados, e contará cun dispositivo de control de peso que restrinxe a entrada a vehículos de gran tonelaxe. Só os turismos e vehículos autorizados poderán circular, mantendo sempre o acceso para servizos de urxencia, carga e descarga (07:00-10:30 h) e residentes acreditados.

Con esta actuación, o Concello de Xinzo continúa desenvolvendo o plan “Xinzo Paso a Paso”, que xa inclúe medidas como a creación de catro aparcadoiros públicos e gratuítos en distintas zonas da vila ou a posta en marcha das zonas laranxas de estacionamento exprés, destinadas a facilitar a rotación en áreas de gran afluencia.

Unnamed (89)