Os concellos da Limia fan fronte común e solicitan unha reunión urxente coa Xunta ante os estragos dos temporais

Os concellos da Limia fan fronte común e solicitan unha reunión urxente coa Xunta ante os estragos dos temporais

A comarca únese para reclamar o apoio decidido das administracións superiores nunha reconstrución cuxas axudas solicitadas ao Estado xa superan os 4 millóns de euros.

Os alcaldes e alcaldesas da comarca da Limia mantiveron este luns unha reunión de urxencia no salón de plenos do Concello de Xinzo de Limia para acordar unha unidade de acción sen fisuras. O obxectivo deste encontro foi establecer unha estratexia conxunta para conseguir os fondos necesarios para a recuperación das infraestruturas afectadas pola sucesión de temporais e as chuvias abondosas das últimas semanas.

O principal acordo acadado nesta xuntanza é a solicitude dunha reunión urxente co presidente da Xunta de Galicia. Os rexedores consideran imprescindible que o Goberno galego se involucre directamente no financiamento da reconstrución, dado que a magnitude dos estragos sobrepasa a capacidade orzamentaria dos concellos da zona.

O financiamento estatal, insuficiente

A maioría dos concellos da comarca xa iniciaron os trámites para acollerse ao plan de axudas do Goberno do Estado, cuxas valoracións técnicas superan xa os 4 millóns de euros no conxunto da Limia. Con todo, estas solicitudes están limitadas a un máximo do 50% do custo das actuacións.

Os alcaldes denuncian que esta porcentaxe queda moi curta para a realidade do rural, onde os concellos non poden asumir a outra metade do investimento sen comprometer seriamente a súa estabilidade financeira. Por este motivo, o fronte común estenderá tamén as súas demandas á Deputación de Ourense, buscando unha implicación coordinada das tres administracións que evite a asfixia das arcas municipais.

Fronte común comarcal

Na xuntanza fíxose fincapé en que os danos en pistas, accesos e infraestruturas públicas afectan por igual a todo o territorio. 

A fronte común de concellos está integrada por:

  • Baltar
  • Calvos de Randín
  • Os Blancos
  • Porqueira
  • Rairiz de Veiga
  • Sandiás
  • Sarreaus
  • Trasmiras
  • Vilar de Barrio
  • Vilar de Santos
  • Xinzo de Limia
  • Xunqueira de Ambía

A Limia fala hoxe cunha soa voz para esixir que a Xunta de Galicia recoñeza a gravidade da situación e actúe de xeito urxente para garantir a seguridade e a mobilidade de toda a veciñanza.