jueves 27/1/22

Candidatura unitaria galega: espreitando se vira o vento do nordés.      

“Ouço cair o tempo, gota a gota, e nenhuma gota que cai se ouve cair”.

(O livro do desassossego, Fernando Pessoa).

Galicia –esa esquina do mundo onde veranea Rajoy- pinta cada vez menos no mapa político español e está a piques de desaparecer como suxeito político, se non lle pomos remedio a tempo. E, se a cousa non muda, só pode ser porque uns non queren, outros non poden e a outros fáltanlle as habilidadades. Estamos onde estamos e imos irremediablemente cara o averno, pola actitude dos partidos con domicilio social na capital do Estado e pola teimosía dos poderes económicos e mediáticos dominantes –e reinantes- confabulados para minguar as nosas sinais identitarias, obsesionados en afogar a capacidade de desenvolvemento que precisamos pór en solfa para gañar o benestar que merecemos coma cidadáns feitos e dereitos. Mais a culpa -en menor medida, iso si- tamén é nosa, polos erros e torpezas dos que nos declaramos nacionalistas ou como lle chamen, que levamos máis tempo da conta sen facer os deberes que nos demanda a veciñanza, sen suar o necesario para conter a ansia enfermiza dos activistas do auto-odio para deixarnos fóra de xogo como País. 

Hai cousa de dous meses, despois das eleccións municipais, comezouse a albiscar a temperanza que case atoa os marcos do minifundismo político que nos impide avanzar. Todos os que, con maior ou menor intensidade, recoñecen o carácter plurinacional do estado español, non aforraron prédica á hora de defender a necesidade dunha candidatura unitaria galega, comprometéndose solemnemente a impulsala, para acadarmos un grupo parlamentar propio nas Cortes españolas.

Parece que a cousa se move. Iso si, sen sabermos cara onde. Mareas, encontros cidadáns, Banquete de Conxo 2.0, seica traballan arreo na procura da confluencia necesaria. Mais xa vai sendo hora de que saibamos se hai fariña dabondo na artesa para amasar a tan arelada candidatura unitaria e, por suposto, para avaliar se as forzas políticas galeguistas, e determinados líderes políticos e sociais que andan soltos, están dispostos a deixar de pintar a mona, e permitir que aconteza o que debe acontecer.   

Ah! Se o asunto ten éxito, Galicia abrirá as cancelas para ter voz e voto despois das eleccións xerais, cando comece o debate nas Cortes españolas sobre unha nova e necesaria conformación territorial do Estado. Mais, se a idea non trunfa e a unidade non coagula, cando os responsables reais do fracaso comparezan para botarlle a culpa a Xan e Perillán, e para pedirlle aos seus seareiros que garden un minuto de silencio polo que puido ser e non foi, alguén debería recomendarlle que se arreden a un lado, e que deixen de estorbar e de tocar o nabo. Mentres tanto, aquí andamos, furgando e espreitando se vira o vento do nordés, a ver se chove e amaina esta seca maldita que nos está deixando sen pasto, sen vacas…, sen leite.

Xosé Antón Jardón Dacal.          

Candidatura unitaria galega: espreitando se vira o vento do nordés. 
Comentarios